Gómez Reino insiste na necesidade de deixar á marxe os intereses electorais dos partidos e acadar un amplo acordo para a reconstrución de Galicia

«Non entendemos as présas de Feijóo. É unha irresponsabilidade que o presidente da Xunta meta agora na axenda pública a convocatoria de eleccións, porque este non é o momento de falar de eleccións senón de salvar vidas”
Publicado por o día 08/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino insiste na necesidade de deixar á marxe os intereses electorais dos partidos e acadar un amplo acordo para a reconstrución de Galicia

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, insistiu hoxe na necesidade de que as forzas políticas galegas alcancen un acordo para sentar as bases da reconstrución social e económica de Galicia deixando á marxe calquera formulación electoralista ou partidista.

“Temos que reconstruír este país desde o consenso e desde a defensa do público. A realidade demostrou que os que antes se consideraban elementos do debate ideolóxico, como a inutilidade dos recortes e as políticas de austeridade, a oportunidade das rendas de cidadanía e a importancia de reforzar a sanidade pública, son elementos de sentido común para toda a sociedade”, dixo.

Gómez Reino subliñou que Galicia en Común- Anova Mareas leva anos defendendo ese proxecto común, e lembrou que hai apenas uns días a coalición fixo unha proposta a todas as forzas políticas do país para reconstruír Galicia ao redor de cinco grandes eixos: o fortalecemento da sanidade e a protección social; o compromiso pola modernización do modelo de produtivo; o fortalecemento do sistema público de coidados; a mellora do sistema fiscal e da repartición de fondos, e a potenciación da posición de Galicia fronte ao Estado e ás institucións europeas.

O portavoz de Galicia en  Cómun- Anova Mareas tamén lembrou que o Congreso dos Deputados acaba de constituír unha Comisión para a Reconstrución, da que forma parte e desde a que trasladará esas propostas.

Nese sentido, Gómez Reino lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, renunciase a exercer as súas competencias e que no canto de buscar o apoio das forzas políticas e da sociedade civil organizada para enfrontar a emerxencia sanitaria e a crise  económica desde o acordo, a lealdade institucional e a crítica construtiva, prefira actuar en solitario e en beneficio dos seus intereses electorais.

“Non entendemos as présas de Feijóo. É unha irresponsabilidade que o presidente da Xunta meta agora na axenda pública a convocatoria de eleccións, porque Galicia aínda está nunha situación sanitaria e epidemiolóxica moi complicada. Este non é o momento de falar de eleccións senón de salvar vidas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.