Gómez Reino lamenta que a Xunta sexa a única administración autonómica do Estado que non facilita os datos da Covid-19 que piden os expertos

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas reclama a Feijóo “transparencia e lealdade” co Goberno central e que facilite as cifras de ingresos diarios en UCI e as da incidencia da epidemia segregadas por municipios
Publicado por o día 28/04/2020 na sección de Coronavirus,En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino lamenta que a Xunta sexa a única administración autonómica do Estado que non facilita os datos da Covid-19 que piden os expertos

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “transparencia, cooperación e lealdade”  co Goberno central á hora de facilitar datos sobre a incidencia do Covid-19 en Galicia.

“É un requisito fundamental para combater a expansión da epidemia que a Xunta colabore lealmente co resto de institucións, tanto dentro como fóra de Galicia, e que non obstaculice o traballo dos expertos”, dixo.

Gómez Reino lamentou que o Goberno galego sexa o único que non envía ao Ministerio de  Sanidade en tempo real os datos sobre novos ingresos en unidades de coidados intensivos (UCI) de pacientes infectados por Covid-19, e que só remita os dos enfermos que permanecen en UCI. Tamén que Galicia sexa a única comunidade autónoma que non facilita as cifras sobre a incidencia da epidemia segregadas por municipios.

“Feijóo quéixase de que o Goberno non mantén informadas ás comunidades autónomas, pero iso é mentira porque en realidade sucede ao contrario: é a Xunta a que non proporciona aos expertos que dirixen a loita contra o virus a nivel estatal os datos que precisan para facer o seu traballo, datos que está obrigado a facilitarlles tal e como lle esixe a normativa derivada do decreto do estado de alarma”, advertiu Gómez Reino.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas reiterou que o presidente da Xunta “está a ocultar datos” sobre a incidencia da epidemia “que son fundamentais para que os expertos coñezan con exactitude a gravidade da situación e poidan enfrontar eficazmente a emerxencia sanitaria”.