Gómez Reino: “O Goberno que Galicia necesita non pode poñer en perigo a saúde dos docentes, dos estudantes e das súas familias para tapar a súa incompetencia»

Galicia en Común-Anova Mareas advirte que a reapertura de centros este luns 25 “é unha medida improvisada e ineficaz” que arrisca “o esforzo feito pola comunidade educativa durante a emerxencia sanitaria”
Publicado por o día 24/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “O Goberno que Galicia necesita non pode poñer en perigo a saúde dos docentes, dos estudantes e das súas familias para tapar a súa incompetencia»

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, advertiu hoxe que a reapertura mañá dos centros educativos do país ordenada pola Xunta é unha medida “improvisada e ineficaz” que arrisca “todo o esforzo feito pola comunidade educativa durante a emerxencia sanitaria”.

“O Goberno que Galicia necesita non pode poñer en perigo a saúde dos docentes, dos estudantes e das súas familias para tapar a súa incompetencia e dar unha falsa imaxe de normalidade”, dixo. «Precisamos dun Goberno que goberne en beneficio do interese xeral, e non dos seus intereses partidistas, que é o que está a facer a Xunta de Alberto Núñez Feijóo”.

Gómez Reino referiuse á resolución da Administración autonómica que, contra o parecer dos sindicatos, ordena a reapertura dos centros este mesmo luns para a volta voluntaria ás aulas do estudantado de segundo curso do Bacharelato e dos segundos cursos de Formación Profesional de grao medio e superior.

“Trátase dunha medida improvisada e ineficaz, xa que, como lle advertiron os sindicatos á Xunta, a falta de profesorado e de medios e a nula planificación impedirán que a reapertura das aulas supoña beneficio académico algún para o alumnado”, subliñou o voceiro. “Pero ademais é unha medida imprudente, porque se adopta sen un protocolo serio en materia de hixiene e seguridade sanitaria que garanta que a reapertura dos centros non supón un risco engadido de rebrote da epidemia”.

Gómez Reino lembrou a experiencia doutros países, como Francia, onde varias ducias de colexios e institutos reabertos tiveron que ser pechados de novo en menos dunha semana despois de que se rexistraran novos casos de contaxio de Covid-19.

O voceiro da coalición tamén expresou a solidariedade de Galicia en Común-Anova Mareas coa comunidade escolar do país, que está a dar “un exemplo de compromiso fronte á desidia e a inacción da Xunta de Galicia”.

Gómez Reino: “Galicia precisa un goberno progresista, de país e transformador que evite un goberno de Feijóo e Vox”

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, alertou hoxe contra a crecente mobilización da ultradereita en todo o Estado e chamou á cidadanía a impedir que as eleccións galegas convocadas por Feijóo para o próximo 12 de xullo “acaben sendo un porta aberta á entrada de Abascal no Goberno da Xunta”. “Galicia precisa un Goberno progresista, de país e transformador que evite un Goberno de Feijóo e Vox”, indicou.

“Non nos enganemos. A partir do 12 de xullo haberá en Galicia un Goberno de coalición. De nós depende que sexa un Goberno de coalición entre as forzas de progreso que representan ás maiorías sociais deste país, ou un Goberno débil asentado sobre a irresponsabilidade e a incapacidade de Feijóo e sobre o fanatismo da ultradereita española ”, advertiu.

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas insistiu en que a estratexia do Partido Popular para desgastar ao Goberno do Estado “pasa por consolidar a  Vox e por converter a Feijóo nun peón de Santiago Abascal, como xa sucedeu con  Ayuso na Comunidad de Madrid e con Moreno en Andalucía”.  “Non consentiremos que Feijóo e Casado utilicen a Galicia para seguir cimentando o ascenso da ultradereita”, dixo.

Gómez Reino subliñou que a reconstrución social e económica que debe emprender Galicia tras a emerxencia sanitaria provocada pola epidemia de  Covid-19 “é incompatible co proxecto político baseado no odio e na destrución do público” que representan tanto  Vox e Abascal como o Partido Popular de Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo.

“Máis que nunca, precisamos un Goberno progresista con capacidade para acordar cunha ampla maioría de forzas políticas e sociais o proxecto político que necesita Galicia para reconstruírse e avanzar no futuro sobre o compromiso co benestar de toda a cidadanía”, concluíu

Comentar noticia

Your email address will not be published.