Gómez-Reino urxe o reparto das 500.000 mascarillas de protección contra o Covid-19 que a Xunta mantén paralizadas

Publicado por o día 23/03/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Galicia,Política

Gómez-Reino urxe o reparto das 500.000 mascarillas de protección contra o Covid-19 que a Xunta mantén paralizadas

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, esixíu hoxe o reparto inmediado das 500.000 mascarillas protectoras que o Goberno galego mantén aínda almacenadas e sen distribuir. Ao tempo, Gómez-Reino apremiou á Xunta a realizar coa máxima urxencia as xestións precisas para que as plantas industriais galegas que teñan capacidade para elo inicien a fabricación no país dos equipos de protección invidivuais e as mascarillas que se precisen para loitar contra a pandemia do Covid-19.

O candidato da coalición entende que “é absolutamente imprescindible que a Xunta ordene a fabricación destes elementos”. “Sobre todo tendo en conta que segundo coñecimos onte Galicia ten unicamente medio millón de mascarillas en stock”. Así o manifestou este luns, logo da longa xuntanza telemática que mantivo onte á tarde con Alberto Ñúñez Feijóo e co resto de voceiras das forzas políticas galegas, para abordar esta crise social, económica e sanitaria derivada da epidemia do Covid-19-.

A proposta da coalición inclúe tamén a posta en marcha dos procesos necesarios para a fabricación doutros equipos e compoñentes sanitarios, como respiradores, así como produtos para a desinfección do persoal e das instalacións, sempre en coordinación co Ministerio de Sanidade.

“Esas mascarillas e eses equipos deberían porse a disposición, de maneira inmediata, do conxunto de profesionais da sanidade, das persoas que se atopan en grupos de risco e das administracións competentes, para que cheguen á quen mais as precisan. Prioritariamente deben chegar a residencias de maiores, dependentes, centros de dia e centros de menores, asi como a outros colectivos especialmente vulnerables como as persoas sen fogar, con protocolos axeitados e pertinentes”, dixo Gómez Reino.

“Estamos nunha situación extraordinaria que demanda medidas extraordinaria, na que actuamos con total lealdade institucional. A mesma que lle demandamos ao Executivo de Feijóo”, engadíu o voceiro de Galicia en Común-Anova-Mareas. “É tempo das propostas e de avanzar sen perder nin un minuto. O mandato da cidadanía é saír unidos como sociedade sen deixar a ninguén atrás”, apuntou.

Por último, o candidato da coalición quixo trasladar o recoñecemento e o aplauso colectivo ao persoal da sanidade pública que ven de lograr unha pequena victoria cargada de esperanza nunha longa loita contra o Covid-19 ao dar a alta médica ao primeiro paciente afectado polo coronavirus en Galicia

Comentar noticia

Your email address will not be published.