Gómez Reino: “Votar a Galicia en Común vale dobre: derrota ao PP de Feijóo e afianza o cambio”

Publicado por o día 06/07/2020 na sección de Galicia,Galicia en Común-Anova Mareas,Política

Gómez Reino: “Votar a Galicia en Común vale dobre: derrota ao PP de Feijóo e afianza o cambio”

A praza da Ferrería de Pontevedra acolleu esta tarde o acto central de Galicia en Común-Anova Mareas, neste sábado no ecuador da campaña, no que o candidato da formación á presidencia da Xunta de Galicia, Antón Gómez Reino, puxo o foco “na necesidade de mobilizar o voto progresista e de esquerdas para botar a Feijóo da Xunta.

Nestes días que restan de campaña xogámonos moito”, incidiu, “sobre todo nesta provincia onde votar Galicia en Común vale dobre: derrota ao PP de Feijóo e afianza o cambio”, afirmou Gómez Reino. “Feijóo, o discípulo de Fraga e o prestidixitador das mentiras, anda nervioso tras do único debate ao que foi. Estamos ante as eleccións máis decisivas da historia da democracia en Galicia. Está en xogo construír xuntas o país que queremos ser e por iso lanzamos a proposta dun decálogo de Goberno as compañeiras do BNG e do PSdeG, porque temos un horizonte compartido”.

“O programa do PP: ‘Galicia, Galicia, Galicia’, significa mentiras, mentiras, mentiras, como foi a estafa de Pemex, os seus recortes e as privatizacións ao público, e as súas corrupcións. As galegas teñen dereito a saber que Feijóo non se presenta a presidente da Xunta; preséntase para ser o presidente do Partido Popular en Madrid porque o seu interese polo noso país é nulo”, proclamou Gómez Reino.

“Precisamos dun Goberno decente, que colla o teléfono e chame as entidades bancarias para dicirlles que basta xa, que non van seguir pagando as de sempre en comisións abusivas e novas estafas bancarias. Unha Xunta que, con plenas competencias como ten en Industria, que interveña xa Alcoa e non deixe caer A Mariña; e un goberno, tamén claro que sí, que afronte dunha vez por todas a situación e o saneamento desta ría de Pontevedra e que garanta, ademais, os empregos que hai en xogo”.

A ministra de Traballo e deputada de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, puxo en valor a presenza de Galicia en Común no goberno do Estado “amosando que fronte ao modelo do PP e de Feijóo hai outra forma de gobernar. Pódese gobernar como saímos da crise de 2008, despedindo a millóns de traballadores, poódese gobernar con mentiras como fai Feijóo ou pódese gobernar con valentía como estamos a demostrar para impedir despedimentos e protexer ás persoas cun escudo social”.

No centro da cidade de Pontevedra, Yolanda Díaz preguntouse “que fixo Feijóo pola provincia, pola industria desta comarca, por Vulcano ou por Barreras” indicando que “non ten nada de que presumir porque un bo xestor nin privatiza a sanidade nin esnaquiza o ensino no rural”. Díaz apelou a toda a xente da praza da Ferrería para que “de aquí ao 12 de xullo fagades campaña con toda a xente que teme polo seu futuro porque só podemos gañalo se derrotamos a Núñez Feijóo” e amosouse convendida de que “darlle o voto a dereita cavernícola é a garantía de que non imos ter futuro”.

“A cidadanía”, afirmou a ministra e deputada de Galicia en Común, “non quere nin máis Feijóo nin máis gobernos únicos senón que quere entendemento e fórmulas que melloren a vida da xente e coloquen ás persoas no centro das políticas”.

A cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, puxo o foco na sanidade e no ensino para sinalar que foron as personas mais vulnerables as que máis sufriron a pandemia. “E outra pandemia, a do PP; unha pandemia que se chama Nuñez Feijóo”. Solla sinalou a “unha consellería de Educación que estivo completamente ausente con 3.000 profesionais menos” e a un conselleiro de Sanidade “que tiña que estar cesado hai meses”.

“O señor Feijoo é o mesmo PP que Ayuso en Madrid. O mesmo PP que non abriu nin unha soa praza pública en dez anos e que privatizou as que tiña nas caixas de aforros”, dixo Solla. “Esta cidade fica con menos camas públicas porque hai que manter o negocio de Quirón, do Hospital Domínguez, o negocio dos señores amigos do PP e dos señores amigos de Feijóo”, concluíu.

Martiño Noriega, número tres pola provincia da Coruña, chamou a “impulsar unha revolución silenciosa porque nos xogamos moito” e puxo sobre a mesa os dous posibles gobernos despois do 12X “un goberno ao servizo dos menos como o de Feijóo ou un goberno por e para os servizos públicos, un goberno que non actúe de testaferro dos grandes intereses”. O candidato lembrou que durante a crise do coronavirus “foi o pobo quen salvou o pobo e foi o persoal sanitario quen se xogou a vida para salvar as nosas mentres Feijóo se inhibiu das súas competencias”.

“Feijóo é un campión de colgarse medallas e un bo xestor dos intereses especulativos e dos que buscan negocio nas residencias de maiores ou da sanidade”, indicou o candidato pola Coruña. Noriega fixo referencia ao rebrote que está a acontecer na Mariña lucense “con máis de oitenta casos diagnosticados e miles de persoas confinadas que non sabemos se poderán ir votar” lembrando que mentres isto acontece “o que fai o señor Feijóo é ficar calado”.

Pola súa banda, Iria Figueroa, número dous pola provincia, collía a palabra na súa cidade para agradecer o auditorio que enchesen a plaza de ilusión. “Non hai resignación; o pobo estase levantando, está en pé e vai botar a Feijóo. A veciñanza de Verín plantoulle cara. O antídoto a Feijóo e aos seus cómplices da ultradereira é o voto a Galicia en Común”, concluíu. Marcos Cal, número tres por Pontevedra, definiu a coalición como a “candidatura que vai conseguir que o señor Feijóo pase á oposición porque aínda que hai un relato que trata de convencernos de que non é posible botalo, Feijóo non é invencible como non o foi no seu día o señor Fraga”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.