Gómez Reino: “Xa chega un Goberno que garanta a dignidade que Galicia merece. Está nas vosas mans que o constrúamos en común”

Pablo Iglesias: “Feijóo deixou que Casado lle calentara o sillón e a súa presa nestas eleccións é por dar o salto a Madrid”
Publicado por o día 08/07/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “Xa chega un Goberno que garanta a dignidade que Galicia merece. Está nas vosas mans que o constrúamos en común”

O Palexco da Coruña acolleu este mércores o acto central de Galicia en Común-Anova Mareas na recta final da campaña cun auditorio cheo para escoitar ao candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino e ao vicepresidente Pablo Iglesias, xunto con Martiño Noriega, Luca Chao e Inés Cebreiro, candidatas pola provincia da Coruña.

Gómez Reino abría a súa intervención con dúas mensaxes para os traballadores de Alcoa na Mariña e Alu Ibérica na Coruña e reiterar todo o agarimo para a veciñanza confinada no norte de Lugo. “Estamos con vós. Xa chega, xa ven un Goberno que vai exercer as súas plenas competencias en Industria para intervir Alcoa e garantir emprego e futuro en San Cibrao pero tamén na Coruña”, manifestou.

“Estamos vixiandoo, señor Feijóo. Non imos permitir que os seus cálculos electorais estean por riba da saúde das xentes da Mariña e así o levamos hoxe nun recurso ante a Xunta Electoral Central”, remarcou. Gómez Reino fixo un repaso polos once anos de negrura do Goberno popular de Núñez Feijóo que se resumen na estafa de Pemex e na das caixas bancarias, na Galicia baleirada e esquecida do rural, na desertificación industrial que deixa mais de 20.000 empregos menos e “no drama da privatización das residencias que vimos de padecer”.

O candidato a Presidencia de Galicia en Común-Anova Mareas tamén puxo o foco na urxencia de revertir as privatizacións e recortes que minoraron un 21% a Atención Primaria no país, “a nosa primeria barreira de defensa sanitaria” e incidiu, ao fío, do inicio do xuízo para a recuperación do Pazo de Meiras na necesidade de retornar ás mans  das galegas todo o patrimonio espoliado pola familia Franco.

“O Pazo de Meirás, pero tamén a Casa Cornide. Teremos un Goberno o 13 de xullo que porá no centro a memoria democrática, que aposte pola gratuitade da Universidade pública”, sinalou Gómez Reino. “Xa chega, xa está por chegar. Quedan catro días de Goberno de Feijóo. O 13 de xullo teremos un Goberno que defenda o común. As escolas infantís de balde de 0 a 3 anos e a gratuidade das Universidades públicas que quixeron privatizar pola porta de atrás logo de triplicar a débeda pública”, sentenciou.

“Feijoo non se presenta á Xunta,  preséntase a liderar o PP e a suceder a Casado en Madrid. Non ten o proxecto para o país. Este domingo, o futuro, a Galicia futura está nas vosas mans, para consolidar o ciclo de gobernos progresistas. O voto a Galicia en Común vale dobre: por un goberno de esquerdas e para restarlle escanos  ao PP”, concluíu.

“A Coruña é unha cidade que sempre me toca o corazón”, confesou hoxe Pablo Iglesias, que se remontaba a primeira campaña de AGE no 2012, e deslizou a súa debilidade pola tortilla de Betanzos, que adoitaba xantar co agora candidato á Presidencia da Xunta. “Aquela campaña foi a primeira vez que traballei con Yolanda Díaz. Se entón nos dixeran que remataríamos no Consello de Ministras, nos parecería un conto chino pero en cinco meses xa  amosou que é a mellor Ministra de Traballo na historia de España”, remarcou.

Iglesias botou hoxe a vista atrás para incidir en que “o que parecía imposible foi posible” porque “facer patria é velar polo interese xeral” e  porque “nunca antes se chegara tan lonxe na protección social como fai este Goberno con nós dentro. Se pensan que cos ataques nos debilitan, erran. Fannos imprescindibles e as leis aprobadas son irreversibles e xa non falan as palabras, agora falan os feitos: o Ingreso Mínimo Vital é un feito”, subliñou.

“Feijóo é un tipo moi listo”, dixo Iglesias, “porque deixou que Casado lle calentara o sillón mentres agardaba o seu momento. “¿Por qué tanta presa nas eleccións? Porque son o seu trampolín definitivo para ser o candidato da dereita. Di Galicia, Galicia e Galicia pero pensa Madrid, Madrid, Madrid.

A número 2 pola provincia da Coruña, Luca Chao apelou a todas as mulleres do país “porque fomos nós as que fixemos rectificar ao señor Feijóo e o obrigamos a reabrir o paridoiro de Verín e fomos nós as que lle dixemos que na defensa dos dereitos non iamos permitir nin un paso atrás”. Na mesma liña Chao lembrou os dez anos de recortes do Partido Popular en Galicia que “privatizou a sanidade e recortou case 1.000 camas nos hospitais do país. Fronte a esa Galicia en branco e negro hai un país multicolor, outro modelo ao que nos ofrece o PP”. A candidata pola Coruña resaltou que “ese modelo existe e esa alternativa que defende que Galicia sexa vangarda chámase Galicia en Común”. Por iso Luca Chao animou a todo o auditorio do Palexco a que “vaiamos votar o 12 de xuño porque ese outro país é posible”.

Martiño Noriega comezou a súa intervención lembrando que “esta é a cidade na que vivín e na que me refuxio cando teño que coller perspectiva” e definiu a “Alberto Bolsonaro Feijóo”  como un presidente que “aplicou políticas que nos fixeron máis vulnerables en momentos como a Covid, un presidente que só exerceu de bo xestor para os menos, que precarizou a sanidade  e que utiliza os medios de comunicación públicos e privados para ocultar e censurar o rebrote da Mariña”. Noriega, médico de profesión, sorpréndese cando ”Alberto Bolsonaro Feijóo confina á veciñanza da Mariña durante 5 días e non os 14 recomendados polas autoridades só por intereses partidistas. Alberto Bolsonaro Feijóo merece unha querela e un castigo democrático porque é irresponsable e disfuncional para o país”.

Inés Cebreiro lembrou a primeira vez que Pablo Iglesias acudía á cidade da Coruña a un acto semellante ao desta tarde, naquela ocasión na campaña das eleccións europeas do 2014. Cebreiro apuntou que a “cando a partir do día 13 gobernemos, as garderías serán gratuítas, porque xa o fixemos na Coruña, e implementaremos tamén como fixemos nas cidades que gobernamos, unha Renda Garantida Galega que non deixe a ninguén atrás”.

Antes do inicio do acto, Antón Gómez Reino e Pablo Iglesias mantiveron unha xuntanza cunha trintena de traballadores de Alu Iberica, a antiga Alcoa da Coruña, entre eles o presidente do Comité, Juan Carlos Corbacho, que expresaron as súas inquedanzas pola deriva do grupo Riesgo e os reiterados incumprimentos dos acordos asinados.

Tanto Iglesias como Gómez Reino, quen fora procesado pola defensa dos traballadores das plantas de Alcoa, reiteraron hoxe a súa determinación e compromiso para dar unha saída urxente para Alu Ibérica na Coruña e Alcoa en Lugo que garanta  emprego e futuro.