Gómez Xunqueira asegura que os resultados do 10N demostran que o BNG é “unha forza á alza”

O responsable comarcal destaca que o Bloque subiu a nivel nacional, provincial e en Pontevedra con incrementos de voto por riba do 20% de media a pesares da menor participación
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de BNG,Política

Gómez Xunqueira asegura que os resultados do 10N demostran que o BNG é “unha forza á alza”

O responsable comarcal do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez valorou esta mañá os resultados electorais de onte e subliñou que demostran que “o BNG é unha forza en alza” xa que neste novo proceso electoral “subimos a nivel nacional, provincial e en Pontevedra con sumas de voto por riba do 20% dende o proceso anterior e nun contexto adverso porque houbo menor participación e porque a campaña xogouse sen a presenza de Galiza”.

“Cumprimos o obxectivo”, manifestaba o responsable comarcal de Pontevedra porque “Galiza recupera unha voz en Madrid e por non tela en catro anos fixo que o noso país estivese calado”. “Con toda a humildade do mundo”, dixo, pódese falar de resultados, “bos ou moi bos”.

Adiantou que Néstor Rego será o “deputado que represente os intereses de toda Galiza en Madrid”, descartando que vaia ser o deputado unicamente para representar a provincia de A Coruña ou que vaia “formar parte dunha procesión de caladiños”. E no contexto político actual de dificultade de chegar a acordos “a participación do BNG vai ser decisiva, e os intereses dos galegos estarán outra vez na primeira liña”.

De cara á vindeira cita electoral, a escolla do Goberno galego, “o BNG convértese na alternativa real para que Galiza mande ao caixón do recordo este goberno do Partido Popular e teñamos o goberno que nos merecemos”.

O responsable comarcal fixo un agradecemento xeral “a todas as persoas que participaron nestes proceso pensando que o seu voto pedíase para que este país, Galiza, funcionase mellor, polo tanto o noso agradecemento, e especialmente aos que confiaron no BNG que cumpre o obxectivo de recuperar unha voz propia para Galiza en Madrid”.

Tamén fixo un agradecemento “expreso a cada un dos militantes e simpatizantes do BNG que estiveron traballando nesta campaña e que o deron todo para facer chegar a nosa mensaxe, e tamén aos medios de comunicación que nos estiveron acompañando”.

Finalmente quixo agradecer “especialmente a toda a xente que se achegou a colaborar co BNG e a Compromiso por Galiza que fixo que a listas do BNG sexan unha opción de país, e a cada unha das persoas que individualmente aproveitaron esta campaña para achegarse ao BNG e para manifestarnos o seu apoio nas redes sociais para que BNG acadase o obxectivo de obter representación”.