Gondomar Concello Aberto denuncia un novo desprezo do goberno pola biblioteca municipal

Publicado por o día 16/12/2017 na sección de Galicia,Gondomar Concello Aberto,Política

Gondomar Concello Aberto denuncia un novo desprezo do goberno pola biblioteca municipal

Recentemente a Biblioteca pechouse os sábados pola mañá de xeito permanente, horario no que abría habitualmente e que resultaba de gran utilidade tanto para a poboación estudantil do concello que volve na fin de semana para a súa casa, como para as familias que aproveitaban o sábado para ir a coller libros ou a disfrutar dun rato de lectura. Agora, como isto non fose pouco, aparece un cartaz no que se anuncia o peche da mesma do 18 de decembro ao 8 de xaneiro polas tardes. Por suposto, como é habitual, o anuncio faise en perfecto castelán, e isto non é ningunha casualidade, denuncian desde CABE.

Tanto a expulsión de Espazo Lectura, como este peche e o desprezo polo noso idioma son parte do mesmo desdén por unha política cultural de calidade que mantén este goberno, manifestan desde o grupo municipal. Jimena Varela Rodríguez  di que “detrás das luces de nadal, os actos espectaculares e o confeti, non hai absolutamente nada, e do que había, cada vez hai menos”. “A nosa poboación estudantil quédase sen Biblioteca Municipal en plena época de exames de fin de cuatrimestre, pero iso si, teñen o auditorio municipal aberto de luns a luns ata as nove da noite para ver o belén. Cuestión de prioridades”.