Gondomar sensibiliza á sociedade no Día Internacional da Muller

Publicado por o día 06/03/2019 na sección de Galicia

Gondomar sensibiliza á sociedade no Día Internacional da Muller

A Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar dirixida por Nuria Lameiro pon en marcha unha serie de actividades e actos para sensibilizar e concienciar á sociedade gondomareña sobre a igualdade e a violencia de xénero.

Para iso, están a realizarse obradoiros dirixidos ao alumnado do 4º Ciclo da ESO dos centros educativos IES Terra de Turonio e IES Auga da Laxe, nunha aposta por atallar este problema desde idades temperás. Os centros educativos son unha ferramenta fundamental para traballar na adquisición e transmisión de valores, actitudes e comportamentos baseados no respecto, na igualdade de trato e de oportunidades para todos e todas. Cada obradoiro consta de dúas sesións de 1 hora e corenta minutos. Na primeira delas o alumnado traballará sobre a pregunta que é a violencia de xénero?, e na segunda sobre as preguntas que é ser un home? e que é ser unha muller?

O día 8 de marzo en conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello de Gondomar convoca a unha concentración e lectura dun Manifesto en prol da igualdade de homes e mulleres ás 11:00 da mañá na Praza do Concello, e posteriormente súmase á marcha pola Igualdade con saída ás 11:50 horas desde a Praza de Abastos e que terminará nunha concentración na Ramallosa na que participan os tres Concellos do Val Miñor.

O sábado 9 de marzo, ás 18:30 horas no Parque das Ánimas de Gondomar, os compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de Vincios, a Asociación de Mulleres do Val Miñor Area Loura e a Concellería de Igualdade, organizan un concerto “Mulleres e a Música”. A banda tocará pezas compostas por mulleres ao longo da historia na música, facendo sobre todo fincapé nas compositoras, xa que foron as máis discriminadas, para rescatalas do silencio e visibilizalas. Ao mesmo tempo, o alumnado da Escola de Música realizará distintos murais relacionados con este tema.