A Deputación de Pontevedra levou a cabo as obras de acondicionamento e adaptación do punto limpo de Gondomar para a xestión e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos, nas que a institución provincial investiu un orzamento de 35.307 euros. Grazas a estes traballos, que se enmarcan no proxecto ESTRAEE, a veciñanza conta xa cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros. Deste xeito a veciñanza de Gondomar gaña un novo servizo para depositar o seu lixo electrónico, un tipo de residuo especialmente contaminante e cuxo crecemento estamos a ver de xeito preocupante. Os deputados provinciais Santos Héctor e Iria Lamas visitaron este novo espazo de reciclaxe, no seu percorrido estiveron acompañados polo alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa.
No punto limpo de Gondomar, situado no lugar de Hervillás (parroquia de Vincios), habilitouse máis polo miúdo un edificio para almacén e reutilización dos residuos, dotado con gaiolas e estantes para o correcto tratamento deste tipo de aparellos e cinta xa con transpaletas, máquinas para o movemento dos palés que foron entregadas pola Deputación. Doutra banda, instalouse iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. As actuacións completaranse proximamente coa dotación dos sistemas informáticos de acceso e seguridade para mellorar a xestión do ecocentro.
Este punto limpo de Gondomar está aberto de luns a xoves en horario de 16 a 19 horas e os venres e sábados de 9 a 13 horas. Ademais, hai servizo de recollida a domicilio previo aviso no teléfono 900 1o7 382.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes.
Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa. Nestas nove obras invístese un orzamento de 618.000 euros
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.