Gonzalo Caballero abre a campaña pedindo o voto para o PSOE a todos os galegos: “O voto útil fronte ao risco da ultradereita”

O secretario xeral fai un chamamento á “mobilización masiva” a pesar de que “o vento sopra a favor”, pois “o retroceso só se evitará co voto ao PSOE”
Publicado por o día 12/04/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero abre a campaña pedindo o voto para o PSOE a todos os galegos: “O voto útil fronte ao risco da ultradereita”

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe en Santiago na tradicional pegada de carteis que marca o inicio da campaña electoral pedindo o voto para o PSOE, “o partido que encarna o compromiso cunha sociedade máis xusta”.

O líder dos socialistas galegos puxo así de manifesto a relevancia da política social posta en marcha polo goberno liderado por Pedro Sánchez nos últimos dez meses, nos que a aposta foi polo “progreso” e polo “avance” en materia de “dereitos e liberdades” e de protección social.

“Para seguir progresando, para defender o sistema público de pensións, para fortalecer o estado do benestar, para dar dereitos á clase traballadora, para garantir servizos sociais que dean igualdade de oportunidades, para manter o avance en liberdades de anteriores gobernos socialistas, para apostar polos dereitos das mulleres…”, enumerou Gonzalo Caballero, desde o convencemento de que o proxecto que lidera Pedro Sánchez “é positivo para a maioría da cidadanía”.

Por iso, o secretario xeral abriu a campaña “con toda a ilusión e con toda a forza dun partido revitalizado” que está disposto tamén para advertir a toda a cidadanía do que pode implicar un “susto” como o que levou Andalucía, onde a dereita selou un pacto de goberno coa ultradereita.

“Non nos confiemos”, apelou Gonzalo Caballero, quen fixo un chamamento á “mobilización masiva” a pesares de que “o vento sopra a favor”, posto que “o retroceso” que implicaría a chegada da ultradereita ao goberno de España “só se evitará co voto ao PSOE”.

“Nesta ocasión é máis necesario que nunca o voto ao PSOE”, concluíu o máximo dirixente do PSdeG, quen sinalou que “fronte ás mentiras do PP e de Feijóo, cun nivel de irresponsabilidade histórico, aos galegos e ás galegas vailles ben cun goberno socialista que sube as pensións e o salario mínimo”. “Esas son as demandas da Galicia real, fronte á estratexia de confusión e irrealidade na que nos quere facer vivir Feijóo”, sentenciou Gonzalo Caballero.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.