Gonzalo Caballero afea a Feijóo que “tardou dez anos en recoñecer o seu fracaso” na sanidade pública

O secretario xeral contrapón o “esgotamento” que reflexan os orzamentos da Xunta coa “axenda social” dun goberno socialista que hoxe aproba a suba do SMI
Por o 26/12/2018 | Sección: Política,PSOE
Gonzalo Caballero afea a Feijóo que “tardou dez anos en recoñecer o seu fracaso” na sanidade pública

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afeou o venres a Feijóo que “tardou dez anos en entender a importancia da sanidade pública e en recoñecer o seu suspenso” neste eido, ao tempo que sinalou que ese recoñecemento chega ante “o auténtico reclamo de cambio” que está impulsando a cidadanía galega.

Non en van, como recordou o líder dos socialistas galegos, hai un ano, na súa xuntanza co presidente da Xunta, o propio Feijóo transmitiulle a súa impresión de que a sanidade pública evolucionaba de xeito razoable. “É un diagnóstico que nin compartimos entón nin compartimos agora”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente do “deterioro, privatización e precarización” que o PP impuxo neste servizo público.

Agora, ante a evidente “falla de pediatras”, cando se suceden as dimisións dos xefes de servizo e en vésperas dunha nova manifestación, Gonzalo Caballero criticou que Feijóo pretenda “eximirse da súa responsabilidade dicindo que non hai médicos en Galicia”. “Centos de médicos abandonaron a comunidade nos últimos anos buscando estabilidade e non unha sucesión de contratos por días ou por horas”, sentenciou.

Por tanto, tras reprobar o “veto” imposto polo PP á comisión de investigación no Parlamento sobre os recortes na sanidade pública, instou ao presidente da Xunta a “poñer solucións” aos problemas no canto de “negar a realidade” e a deixar “a escusa de que non atopa médicos”.

AXENDA SOCIAL DO GOBERNO

Estas declaracións as fixo o secretario xeral do PSdeG o mesmo día en que o Consello de Ministros se reúne en Barcelona para aprobar, entre outras cuestións, a suba do salario mínimo interprofesional.

“Non queremos que esta nova quede empañada por outras”, enfatizou, consciente da relevancia que ten este “significativo avance nas posibilidades de vida digna” de milleiros de traballadores galegos.

E é que, como sinalou Gonzalo Caballero, esta é “a folla de ruta” do goberno socialista: a posta en marcha “dun proxecto de país que aposta pola xustiza social, polos servizos públicos e pola recuperación de dereitos”.

“A axenda social é o primeiro compromiso”, recalcou, sen deixar de enumerar medidas como a subida das pensións, o plan de emprego xuvenil, as axudas ao aluguer ou a mellora salarial dos funcionarios; en contraposición co “esgotamento” do proxecto de Feijóo que reflexan os orzamentos da Xunta.

CONDOLENCIAS

Gonzalo Caballero comezou a súa rolda de prensa cunha mensaxe de agarimo e condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos na costa de Fisterra e no porto de Malpica, así como coa posta en valor do traballo da Galicia mariñeira.

“En nome do PSdeG, aos que sobreviviron ao naufraxio e aos familiares de quen perderon a vida, todo o noso afecto”, sinalou o líder dos socialistas galegos, quen tamén resaltou o traballo de Salvamento Marítimo e dos servizos de emerxencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.