Gonzalo Caballero: “Agora toca resolver o urxente e despois traballaremos na reconstrución forzas políticas, axentes sociais e administracións”

O secretario xeral sinala que a “interinidade” do actual goberno da Xunta obrígalle a centrarse no inmediato e asumir unha vontade de acordo a medio prazo para a reconstrución
Publicado por o día 25/04/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “Agora toca resolver o urxente e despois traballaremos na reconstrución forzas políticas, axentes sociais e administracións”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe para propoñer “un gran acordo” para construír o futuro de Galicia” trala crise da covid-19 en base ao consenso das distintas forzas políticas, as administracións locais e os axentes sociais.

Trátase, segundo as súas palabras, de dar “unha resposta colectiva” nos eidos sanitario, social e económico, co obxectivo de que “ninguén quede na cuneta” unha vez remita a pandemia en Galicia.

“A reconstrución vai levar meses, probablemente anos”, remarcou o líder dos socialistas galegos, e propuxo unha saída que implique “o fortalecemento dos servizos públicos” e “o redimensionamento do ámbito industrial e económico”.

Para iso fai falla, defendeu Gonzalo Caballero, que cando falemos do medio e longo prazo, haxa “un gran acordo” que implique aos grupos parlamentarios, aos axentes sociais -nomeadamente sindicatos e patronal-, ás sete cidades galegas, ás catro deputacións e á propia Fegamp en representación dos concellos pequenos e medianos.

“O PRIORITARIO”, A RECONSTRUCIÓN

“Os gobernos teñen que estar a disposición dos galegos e das galegas, e a reconstrución ten que estar por riba dos intereses de parte”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que “o prioritario” é colaborar entre todos para afrontar esta crise.

Sobre todo, como afondou Gonzalo Caballero, nun momento no que a Xunta ten as súas capacidades restrinxidas a causa da interinidade derivada do aprazamento electoral. “Necesitamos un acordo que vaia más alá”, incidiu, e avogou por “fortalecer” o público a través dunha política económica e industrial “activa” e dunha aposta forte polos servizos públicos.

“Hai que acender as luces do país a medio e longo prazo, pensando en Galicia”, remarcou o secretario xeral do PSdeG, consciente de que “só a acción do público permite unha resposta colectiva” para frear a desigualdade que deixa a pandemia.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo “non pode ter medo a acudir ao Parlamento”, e xulgou “insuficiente” a única vez que Feijóo compareceu na Cámara. No mesmo tempo, recordou, o presidente do goberno estivo en cinco ocasións” no Congreso. “Feijóo ten a nosa lealdade para tomar todas as medidas necesarias no inmediato e para combater a pandemia, pero non lle demos un cheque en branco”.

Así é que o líder dos socialistas galegos requiriu á Xunta medidas para frear o virus e protexer aos nosos maiores que viven en residencias, e urxiu tamén a que se reforce o persoal deses centros. Non en van, como apuntou, onte se coñeceu un novo repunte de falecementos nas residencias que cómpre atallar.

ADIANTO ELECTORAL

Finalmente, a preguntas dos xornalistas, Gonzalo Caballero chamou a Feijóo a actuar con “responsabilidade” e a “estar á altura das circunstancias” no que atinxe á nova convocatoria de eleccións en Galicia.

“Que non teña a tentación de buscar un vantaxismo electoral”, engadiu o dirixente socialista, e reclamou a Feijóo “que defenda Galicia por riba dos intereses do PP”.

“Nós fomos totalmente leais: abandonamos a prioridade electoral e puxémonos a cooperar fronte á crise”, agregou Gonzalo Caballero, para quen “o prioritario nestes momentos” é vencer á covid.

“Cando pase o estado de alarma, haberá que dialogar e buscar a data máis axeitada para as eleccións”, finalizou o secretario xeral do PSdeG.