Gonzalo Caballero alerta dos “riscos” que supón o proxecto da mina de Touro-O Pino para o medio ambiente e o patrimonio

O secretario xeral do PSdeG defende que o desenvolvemento de Galicia ten que ser “sostible” e “respectuoso” coa riqueza natural
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero alerta dos “riscos” que supón o proxecto da mina de Touro-O Pino para o medio ambiente e o patrimonio

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, encabezou hoxe a delegación socialista que estivo presente na multitudinaria manifestación que acolleu Compostela en contra da reapertura dunha mina de cobre nos concellos coruñeses de  Touro e O Pino.

Dende alí, Gonzalo Caballero advertiu de que o proxecto conleva “uns niveis de risco” para a contorna dos concellos e para as rías galegas que fan que non poida “contar con respaldo social nin político”.

E é que, segundo dixo o líder do PSdeG, este proxecto “non garante” o respecto cara o medio ambiente non só nos concellos nos que se pretende operar, senón que os danos poderían afectar ao conxunto de Galicia a través das rías.

“Os socialistas galegos cremos que o desenvolvemento ten que ser sempre sostible e respectuoso co medio ambiente e a riqueza natural”, defendeu o secretario xeral ante os xornalistas, para sumar a súa voz á de milleiros de galegos que hoxe ateigaron a Praza do Obradoiro para amosar a súa oposición a este proxecto mineiro.

PRESENZA SOCIALISTA

Gonzalo Caballero percorreu as rúas de Santiago en compañía de varios membros da dirección do PSdeG, como o vicesecretario xeral, Pablo Arangüena; o secretario de Acción Electoral, Martín Seco, e os secretarios executivos Daniel Chenlo e Enrique Vázquez Naveira.

Tamén estiveron presentes os alcaldes de Vilagarcía, A Illa e O Grove, a alcaldesa de Cambados, e o deputado no Parlamento de Galicia Julio Torrado, entre outros cargos e representantes socialistas.