Gonzalo Caballero anuncia “catro anos de traballo ao servizo de Galicia”: “Seremos a voz da cidadanía que non se resigna e quere mellorar o país”

O secretario xeral avanza na primeira xuntanza do Grupo Parlamentario Socialista “unha oposición leal” para afrontar a crise económica e sanitaria pero “contundente en defensa dos servizos públicos e da igualdade”
Publicado por o día 04/08/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero anuncia “catro anos de traballo ao servizo de Galicia”: “Seremos a voz da cidadanía que non se resigna e quere mellorar o país”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniu hoxe por primeira vez aos 14 deputados socialistas electos e anunciou “catro anos de traballo ao servizo de Galicia”, en relación á lexislatura que está a piques de comezar.

“Estaremos alí onde haxa unha inquedanza, unha preocupación, un problema ou unha proposta para ser a voz da cidadanía que non se resigna e quere mellorar o país”, subliñou o líder dos socialistas galegos, consciente de que Galicia “necesita aire fresco e impulso” para afrontar o futuro.

“Poñeremos o mellor de nós mesmos para traballar ao servizo da Galicia de igualdade, benestar e progreso que anhelan tantos galegos”, remarcou Gonzalo Caballero, quen indicou que “queremos ser a alternativa de progreso ao PP” e estar “en condicións de dar futuro e benestar a Galicia” cando os galegos opten polo cambio.

Sobre todo, como dixo o máximo dirixente do PSdeG, nun momento no que o país se atopa nunha crise económica de “enorme envergadura” e nunha crise sanitaria na que preocupa o risco de rebrotes da covid.

Precisamente por iso, Gonzalo Caballero anunciou “unha oposición leal pero contundente en defensa dos servizos públicos e da igualdade”, coa vista posta en que “ninguén quede atrás” por mor da crise. “Traballaremos para amosar que entendemos a mensaxe da cidadanía e para ser a alternativa de futuro”, concluíu.

Así as cousas, na xuntanza do grupo parlamentario abordaronse os distintos eixos de traballo e, tras unha reunión da Comisión Permanente da Executiva do PSdeG, ratificouse que Gonzalo Caballero continuará exercendo como voceiro parlamentario e que Marina Ortega ocupará a vicesecretaría da Mesa do Parlamento.

MARCHA DO REI EMÉRITO

A maiores, preguntado polos xornalistas sobre a saída de España do rei emérito, Gonzalo Caballero sinalou que “o relevante é garantir que se aplique o Estado de Dereito” e que “non existan condutas inadecuadas que queden á marxe da lei”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.