Gonzalo Caballero anuncia unha consellería de Igualdade no próximo goberno progresista da Xunta, que terá “un claro compromiso feminista”

O candidato socialista promete “unha rede potente de aloxamento para vítimas da violencia machista” e erixe en “fundamental” combater a violencia de xénero e a fenda salarial
Publicado por o día 29/02/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero anuncia unha consellería de Igualdade no próximo goberno progresista da Xunta, que terá “un claro compromiso feminista”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, participou hoxe nunha nova xornada do IdeaGaliciaLab, o laboratorio de ideas do PSdeG, centrada nesta ocasión na importancia do papel das mulleres. Dende alí, anunciou que o vindeiro goberno progresista terá “un claro compromiso feminista” e contará cunha consellería de igualdade específica.

En presenza da presidenta do PSOE, Cristina Narbona; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e as alcaldesas da Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez, Gonzalo Caballero resaltou o seu “compromiso cunha axenda feminista en Galicia” de cara ao “cambio de ciclo político” que se abrirá o vindeiro 5 de abril.

Así é que asegurou que as políticas de igualdade “impregnarán todas as políticas da Xunta”, o que permitirá “avanzar” en cuestións que seguen pendentes e para impedir que haxa “pasos atrás”. “Queda moito por facer e non podemos retroceder”, asegurou, á vista de que emerxen partidos que “poñen en risco” o conquistado ata a data.

De feito, o candidato socialista advertiu de que Feijóo ten “pel de cordeiro” aínda que “é o mesmo lobo que loita contra o feminismo”, polo que pediu “un compromiso claro de toda a sociedade” para que non haxa retrocesos en materia de igualdade de homes e mulleres e para que o papel das mulleres na sociedade sexa “crecente”.

“É o meu compromiso”, ratificou Gonzalo Caballero, consciente de que en Galicia “non houbo avances” nesta materia nos 11 anos do PP de Feijóo na Xunta. Por iso, cunha axenda de traballo “ambiciosa” pero realizable, comprometeuse a traballar por “unha Galicia próspera, de mulleres libres e con criterio”.

MEDIDAS A FAVOR DA IGUALDADE

Así as cousas, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta avanzou que quere “unha Galicia na que as mulleres xoguen un papel fundamental”, de “liderado”.

E, coa vista posta no primeiro ano de goberno, anunciou a creación de fogares temporais para as mulleres vítimas de violencia machista nas sete cidades galegas, así como unha mellora dos recursos humanos dispoñibles nos centros de información á muller (CIM) e a extensión destes servizos a todas as bisbarras galegas.

En paralelo ao seu compromiso de mellorar “de xeito claro” os orzamentos para igualdade, toda vez que o goberno do PP en Galicia só se vale dos fondos finalistas do Estado, Gonzalo Caballero garantiu que requirirá ao Consello Galego de Relacións Laborais un informe sobre a fenda salarial” na comunidade se é elixido presidente.

“EL VOTO DE LAS MUJERES PARA CAMBIAR LA HISTORIA”

En paralelo, a presidenta do PSOE chamou a “cambiar la historia de Galicia” a través do “voto de las mujeres”, porque a política de igualdade de Feijóo é “tan inútil” como aquela foto súa “con una manguerita para apagar los incendios”.

Ademais, Cristina Narbona resaltou a conveniencia de que coincidan en España e en Galicia dous gobernos progresistas, a fin de “avanzar en derechos” tamén para as mulleres, como ocorre sempre que hai un presidente socialista.

“Porque non se pode ser socialista sen ser feminista”, remarcou, ao tempo que destacou os “avances” no eido da igualdade do goberno de Pedro Sánchez. “¿A quién beneficia más la subida del salario mínimo o la subida de las pensiones?”, inquiriu.

“GALICIA PRECISA UN CAMBIO”

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo de relevo “a axenda feminista” que terá Gonzalo Caballero dende a Xunta despois de 11 anos nos que Feijóo “non tomou ningunha decisión que mellorara a vida das mulleres”.

Máis ben ao contrario, proseguiu Carmela Silva, porque “son fanáticos de recortar os dereitos” e “sempre empezan polos das mulleres”, e puxo como exemplo o intento de Feijóo de pechar o paridoiro de Verín que tivo que acabar rectificando pola presión da maioría social.

“Galicia precisa un cambio”, afondou a presidenta provincial, e defendeu que “as mulleres galegas non poden apoiar ao PP e a Feijóo porque non cren na igualdade e así o amosaron” dende a Xunta de Galicia.

“NOVAS POLÍTICAS DE IGUALDADE NA XUNTA”

Na súa quenda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou “a todas as mulleres socialistas”, comprometidas co feminismo e a igualdade, e fixo unha mención especial a Pilar Valiño, falecida recentemente.

Fronte -dixo- “a esa dereita que non ten problemas en pactar cunha ultradereita que non cre nos dereitos das mulleres”, destacou o compromiso do seu partido na loita pola igualdade. E, a ese respecto, a rexedora da cidade herculina resaltou que “o feminismo é unha política transversal” e valorou que así se concibirá no vindeiro goberno da Xunta.

Diso falou tamén Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, quen sinalou a Gonzalo Caballero como “unha persoa feminista e comprometida” que será quen de “dar un xiro ás políticas de igualdade da Xunta”.

Sobre todo, segundo resaltou, porque a dereita carece de compromiso coa igualdade, como evidenciou Feijóo cando “chegou a dicir que non se definía como feminista porque descoñecía o alcance do concepto”. “Ser feminista é crer na igualdade”, reivindicou a primeira edil lucense, quen avanzou que “o século XXI é o dos movementos socialista e feminista”.

Finalmente, a coordinadora do IdeaGaliciaLab, Noelia Otero, puxo o foco tamén na violencia de xénero nunha semana “tráxica” na que tres mulleres foron asasinadas e no feito de que as mulleres cobran 6.000 euros menos ao ano que os homes. Iso si, chamou a “quedar co positivo”, que é que “o cambio en Galicia está preto”.