Gonzalo Caballero apela á mobilización: “xogámonos o futuro de Galicia entre o PP da confrontación e os recortes e o PSdeG que lidera a maioría de progreso que necesitamos”

Publicado por o día 25/06/2020 na sección de Política,PSOE

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á mobilización dos galegos e das galegas para conseguir un goberno liderado polo PSdeG que pase páxina aos 11 anos de recortes de Feijóo. Así o dixo nun acto político en Santiago xunto cos cabezas de lista polas catro provincias galegas na xornada da pegada de carteis que da comezo á campaña electoral para o 12X.

O secretario xeral do PSdeG dixo que “o PSdeG-PSOE está preparado e vai haber cambio” e subliñou que “nos xogamos o futuro de Galicia entre o PP e un PSdeG que pode liderar a maioría de progreso que necesitamos”. Caballero apelou aos galegos e galegas que durante o ano pasado respaldaron aos socialistas tanto nas eleccións municipais como xerais, para que “volvan apoiar ao PSdeG nesta campaña”.

Sinalou que “con esa participación o cambio en Galicia é imparable” e permitirá “sacar a Feijóo e ao PP do control político de Galicia” logo de “demasiados anos de proxecto esgotado, de nepotismo, de clientelismo e de poucas alternativas de futuro cun proxecto que non aporta nada positivo para Galicia neste momento”.

Lembrou a xestión do PP “noutras crises nas que vimos como fixeron con recortes, retrocesos en dereitos, privatizando e eliminando servizos públicos”. Defendeu polo contrario unha alternativa socialista para priorizar a construción dun “escudo protector para a sociedade máis vulnerable” na recuperación dunha crise económica de tanto calado como a que provocou o coronavirus.

Gonzalo Caballero chamou a romper cos “prognósticos da dereita política e social, que intenta utilizar Galicia como resorte na estratexia do PP para confrontar co goberno de España e o PSOE, mantendo o proxecto esgotado para o futuro que representa Feijóo”. Sinalou que “imos darlle unha volta a todos eses prognósticos, desenmascarar a esa dereita e poñer a un goberno socialista á fronte da Xunta para o progreso”.

Enquisas

O candidato socialista chamou á mobilización do electorado que aínda dubida, xa que segundo as sondaxes o 50 por cento do electorado decidirá o voto ao longo da campaña, e o 35 por cento deles agardarán á última semana. Apelou así ao 60 por cento dos galegos e galegas que se declaran de esquerda e centro esquerda, e apuntou que somentes o 34 por cento queren que Feijóo presida a Xunta.

Apuntou que “somos conscientes de que o cambio é posible se todos os progresistas acoden a votar”, rompendo con ese máis do 60 por cento que pensan que Feijóo pode gañar e volver a ser presidente da Xunta. Lembrou as campañas electorais do ano pasado, nas que “á última semana foi fundamental para relanzar, reimpulsar a maioría de cambio e contribuír á vitoria do PSdeG e o goberno de Pedro Sánchez”.

Concluíu que “estas eleccións se xogan entre un goberno presidido polo PP e un goberno presidido polo PSdeG”. Estes constitúen “un modelo conservador, de recortes e un proxecto esgotado que quere utilizar Galicia para confrontar con España e un modelo progresista, de avance socialdemócrata do PSdeG que defende as mellores políticas para saír da crise e defender os servizos públicos”.