Gonzalo Caballero aposta por que o Pazo de Meirás sexa un espazo de dignificación da memoria democrática

O secretario xeral chama agora a “seguir traballando” pola recuperación da Casa Cornide, na Coruña
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero aposta por que o Pazo de Meirás sexa un espazo de dignificación da memoria democrática

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participa este serán, en compañía do secretario de Memoria Histórica do PSOE e secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, nun encontro virtual sobre a recuperación do Pazo de Meirás.

Ao respecto, o líder dos socialistas galegos apostou por converter este inmoble nun espazo de dignificación e recuperación da memoria democrática logo de máis de oito décadas en mans dos herdeiros do ditador.

Precisamente por iso rexeitou o plan de usos concibido pola Xunta para as Torres de Meirás e advertiu de que non pode servir para “branquear o franquismo” nin para “obviar a importancia de defender a memoria democrática”.

Así o dixo Gonzalo Caballero logo de poñer en valor o compromiso do goberno presidido por Pedro Sánchez coa recuperación do pazo que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán apenas un ano despois da exhumación de Franco do Val dos Caídos.

Neste escenario, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “seguir traballando pola reparación da memoria e a dignidade das vítimas da ditadura” e, así, tentar recuperar tamén a Casa Cornide, obtida pola familia Franco en condicións “moi dubidosas”.

Gonzalo Caballero xa trasladara ao secretario de Estado de Memoria Democrática a importancia deste inmoble, que chegou a acoller a sede do Concello da Coruña, nas distintas xuntanzas que mantiveron en Madrid dende a chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno de España.

Comentar noticia

Your email address will not be published.