Gonzalo Caballero: “Ata os cargos do PP se rebotan contra os recortes de Feijóo na sanidade pública”

O secretario xeral sinala que “o clamor” da cidadanía que “di non” está chegando ao PP, despois de que onte os populares de Moaña apoiasen unha moción de rexeitamento aos recortes da Xunta.
Por o 02/02/2019 | Sección: Galicia,Política,PSOE,Sanidad,Xunta de Galicia
Gonzalo Caballero: “Ata os cargos do PP se rebotan contra os recortes de Feijóo na sanidade pública”

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe, durante unha visita a Moaña, que “Feijóo está só na súa defensa da privatización, os recortes e o deterioro da sanidade pública”, pois “o clamor” da cidadanía que rexeita estas políticas e que está enchendo as rúas en sucesivas manifestacións “está chegando ao PP”.

Así o dixo o líder dos socialistas galegos despois de que onte, en Moaña, unha moción en defensa da sanidade pública foi apoiada no pleno municipal polos concelleiros populares.

En concreto, o texto aprobado chama a “rexeitar a política sanitaria de recortes e desmantelamento da sanidade pública galega, levada a cabo polos gobernos do PP na Xunta de Galicia” e insta a Feijóo a “solventar de forma inmediata os problemas ocasionados pola súa política de recortes”.

“Feijóo empeza a ver que a marea de mobilizacións en defensa da sanidade pública chega aos cadros políticos do PP en toda Galicia”, evidenciou Gonzalo Caballero, consciente de que o malestar da cidadanía galega “xa é imparable”.

“A situación é tan grave que o PP xa está vendo como se descompón o seu apoio interno ás súas políticas”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG: “os cargos públicos estanse rebotando contra Feijóo e o seu conselleiro de Sanidade, porque ven que as súas políticas son un desastre e unha falacia”.

“MOITOS RECORTES”

No caso concreto de Moaña, Gonzalo Caballero indicou que a mobilización social freou o intento do PP de recortar a quenda de tarde en Atención Primaria, mentres o PAC acumula “problemas graves” e o mesmo ocorre nos servizos de pediatría ou fisioterapia.

Niso abundou Marta Freire, tenente de alcalde de Moaña, quen detallou que os pediatras, que deberan atender 800 cartillas, están atendendo a 1.500, o que os sitúa “moi por riba da ratio recomendada polo propio Sergas”; mentres o fisioterapeuta atende el só a 18.000 pacientes.

En paralelo, o servizo de pediatría non existe na quenda de tarde, o que “imposibilita a conciliación” e o PAC estase “desmantelando a pasos axigantados”. Nel traballan un só médico e unha enfermeira e non hai reforzos na fin de semana, de xeito que “queda desatendido”, como explicou Marta Freire, no caso de que os profesionais teñan que saír a unha urxencia ou a prestar atención domiciliaria. “Xa houbo un caso de falecemento nun PAC desatendido e non queremos iso para a nosa veciñanza”, concluíu.

1.300 PROFESIONAIS MENOS

Nesta visita, o secretario xeral do PSdeG fixo fincapé “no desmantelamento, privatización e precarización da sanidade pública” que Feijóo ten posto en marcha nos case 10 anos que leva á fronte do goberno galego.

De feito, hoxe mesmo, na campaña posta en marcha polo PSdeG nas redes sociais sobre o #10yearschallenge de Galicia, evidénciase que os recortes da Xunta en atención primaria case acada os 200 millóns de euros con respecto ao ano 2009 e que son 1.300 profesionais menos os que traballan nela.

Comentar noticia

Your email address will not be published.