Gonzalo Caballero chama a “cambiar á Xunta dos brazos cruzados” pola “Xunta do benestar e da protección” que reforce o sistema público e apoie aos sectores económicos afectados

O líder dos socialistas galegos subliña que “se Feijóo ten que cambiar a conselleira de Política Social, o ten que facer xa” porque “non podemos estar recibindo cada día novas dunha residencia de maiores ou incluso hospitais psiquiátricos con contaxios masivos”
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “non podemos deixar ás Xunta cos brazos cruzados” nun contexto no que “se limita a discutir medidas pero non toma todas as medidas de protección necesarias para a cidadanía máis vulnerable”. Chamou a “fortalecer á Xunta do benestar” aproveitando os Orzamentos que se debaten mañá no Parlamento para reforzar o sistema sanitario e educativo, para garantir as condicións dos maiores nas residencias e para apoiar aos sectores económicos afectados pola crise.

O líder dos socialistas galegos reclamou “tomar todas as restricións necesarias para protexer á saúde, pero á vez a Xunta ten que rescatar aos sectores económicos afectados e fortalecer o sistema do benestar, cun mellor rastrexo” -cun sistema que “segue a ser de pena”- e o reforzo da sanidade pública. Resumiu que “a Xunta de Galicia ten a obriga legal e moral de fortalecer o sistema de residencias, o sistema sanitario e de protexer aos máis débiles fronte á covid”.

Caballero sinalou que “non podemos estar un día máis sen fortalecer a protección dos galegos e as galegas fronte á terceira onda da covid”, cun sistema sanitario que soportará unha “presión asistencial ao límite nas próximas datas”.

Esixiu que “non se volvan producir noticias como a de Conxo, onde a poboación máis vulnerable, que non se pode valer por si mesma, que depende do Estado e da Xunta para sobrevivir se atopa cun brote nun Hospital Psiquiátrico”. Chamou a evitar estas situacións “terribles” que supoñen “unha eiva política, económica e moral que non podemos consentir, porque un país avanzado non pode deixar na cuneta aos que non poden valerse por si mesmos”.

Cese da conselleira de Política Social

O secretario xeral do PSdeG chamou a “prender tódalas alertas” diante da situación das residencias de maiores, mentres o goberno galego se limita a repetir un “discurso inconsistente”, e sinalou que “cambiou o equipo de Política Social, pero se ten que cambiar á conselleira o ten que facer xa”. Advertiu de que “non podemos estar na terceira onda recibindo cada día unha residencia de maiores con contaxios masivos”.

Esixiu neste sentido que o goberno galego “ten que protexer aos maiores que están nas residencias e que cada día rexistran contaxios masivos”. Advertiu de que “está fallando a Consellería de Política Social” cando en xaneiro, e xa na terceira onda, rexistráronse contaxios masivos nas residencias de Vimianzo, Leiro ou Tui, e que esta mesma fin de semana víronse contaxiados masivos entre usuarios e persoal da residencia de Sarria.

Educación

Algo semellante sucede no sistema educativo galego, cando o goberno galego mantense impasible mentres “a covid está entrando nas aulas dos colexios” e mentres “máis de 2.000 alumnos non poden seguir o curso presencial con regularidade, e hai máis de 100 aulas coas actividades académicas e docentes suspendidas”.

Caballero apuntou que “segue a ser necesario despregar un modelo de conciliación para protexer fronte á covid e permitir que as familias sigan coa súa vida no momento en que os nenos e nenas xa non poden estar nas aulas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.