O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe na Festa da Rosa en Ourense coa ministra de Educación e voceira do Goberno, Isabel Celáa, para subliñar a importancia de “non perder nin un minuto” á hora de saír á rúa a convencer da importancia de ir votar o vindeiro 10-N.
“Non podemos permitir que un só voto de progreso quede na casa, porque nos xogamos o futuro e a prosperidade da España e da Galicia que queremos”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, quen chamou a “mobilizarse a tope”.
De feito, recordou que “votar é un dereito” e desbotou o argumento do “cansazo”. “Se imos comprar o pan ou o xornal todos os días, como non imos ir para decidir o futuro do país”, engadiu Gonzalo Caballero.
Ademais, no caso de Ourense, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que os progresistas xa saben “o que é loitar contra a dereita máis rancia e caciquil” e o que supón “cada voto”, á vista do pacto selado en Ourense para manter a Baltar na Deputación a costa de poñer un alcalde “letal”, como dixo o propio Feijóo.
Por iso, Gonzalo Caballero incidiu na importancia da participación o 10 de novembro “para frear ás dereitas e á ultradereita” e “para dicirlle a Casado, a Abascal e a Rivera que queremos a Pedro Sánchez como presidente do goberno”.
“ULTRADEREITA SEN COMPLEXOS” E “A POLÍTICA DE CAMALEÓN”
Sobre todo, como dixo o secretario xeral, á vista de que a entrada de Abascal no Consello de Ministros -algo que “ocorrerá” se lles dan as contas- suporá poñer “en risco a sociedade que temos” e os dereitos e liberdades cos que agora contamos.
Só hai que escoitar, sinalou Gonzalo Caballero, ao líder da “ultradereita sen complexos”, que non dubidou en saír a un plató de televisión a rexeitar “o dereito á interrupción do embarazo”, “negar a violencia machista” e cargar contra “o noso modelo de convivencia” amosándose partidario de “eliminar as autonomías”.
E, ao lado, situou o líder do PSdeG a “política de camaleón” do PP e Ciudadanos, que se referencian como “de centro” pero “gobernan coa ultradereita onde lle dan as contas” para facelo. “O PP perdeu a centralidade política”, lamentou.
GALICIA, “NA AXENDA DO GOBERNO”
Fronte a isto, Gonzalo Caballero reivindicou o que supuxo este ano de goberno de Pedro Sánchez, que permitiu que “un millón de galegos e de galegas” viran mellorar o seus ingresos mensuais. Así, recordou a suba das pensións que o PP tiña conxelada, a mellora do soldo dos empregados públicos ou o aumento do SMI.
E, xunto á “prioridade social” do goberno socialista, destacou as inversións nesta terra, como os 4.325 millóns para os estaleiros públicos de Ferrol ou a aposta pola biblioteca e o museo de Ourense. “Este goberno puxo a Galicia na súa axenda”, resaltou.
Así é que rexeitou “a política de confrontación” de Feijóo cun goberno que “vaille ben a Galicia” para tapar a súa mala xestión. A xeito de exemplo, Gonzalo Caballero preguntouse por que o emprego crece en España mentres en Galicia cae.
“O que fala de convivencia pacífica e de centralidade, fai un discurso falaz e centra todos os seus esforzos en confrontar”, reprobou, ao tempo que sinalou que “non nos podemos permitir un presidente que minte de forma continua, que non asume ningunha responsabilidade e que quere manterse no poder a través do escapismo”.
O PSOE, “O ÚNICO VOTO ÚTIL”
Así, tras advertir a Feijóo de que “non pode ser presidente se pon os intereses do PP por riba dos galegos”, Gonzalo Caballero destacou o “bo goberno socialista”, como queda patente tanto no goberno de España como en cinco das sete cidades galegas e en tres das catro deputacións.
Por iso, o máximo dirixente dos socialistas galegos chamou a “revalidar” o resultado que tivo o PSOE o pasado 28 de abril para ter “un goberno progresista forte e estable”. “O voto ao PSOE é o único voto útil”, concluíu.
“RETROCESO SIDERAL”
Pola súa banda, a ministra de Educación chamou a vencer o “discurso de la antipolítica” que están facendo as dereitas e a ultradereita, que buscan ganar as eleccións grazas á desmobilización. “No vayas a votar, que queremos ganar”, resumiu o obxectivo que perseguen.
Ao tempo, Isabel Celáa cargou contra aqueles partidos que “ponen un cordón sanitario a un partido con más de 140 años de historia” e despois “unen sus votos a Vox” alí onde lles dan as contas.
E, en referencia á nova foto do trío de dereitas onte en Madrid, a tamén voceira do goberno advertiu de que “a patria” non é envolverse en bandeiras, senón “atender á cidadanía” e darlle “dereitos, sanidade, educación, traballo, igualdade, pensións…”.
Así é que, incidiu Celáa, “no es lo mismo” que goberne o PSOE que a coalición de PP, Ciudadanos e Vox, porque o executivo de Pedro Sánchez ten demostrado nestes 16 meses que a súa prioridade está “na cidadanía”.
A modo de exemplo, a ministra recordou que foi este goberno o que devolveu o carácter universal á sanidade pública que o PP retirara, quen subiu as pensións ou quen incrementou as bolsas para o estudo. “No es lo mismo”, recalcou, sen obviar que “el retroceso” que sufriría o país da man das dereitas e a ultradereita sería “sideral”.
“ENCHER AS URNAS DE ILUSIÓN”
A encargada de abrir o acto foi a cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Marina Ortega, quen chamou a “encher as urnas de ilusión e de dereitos” o vindeiro 10 de novembro, fronte á “suma das tres peores dereitas dos últimos anos” nunha coalición na que “Vox lidera o ideario”.
E despois de advertir de que unha provincia como Ourense “necesita o avance” que representa o goberno socialista, o secretario provincial do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, subliñou que “necesitamos este goberno” para “dar un cambio a esta terra” e impedir que se converta nun “erial”.
Como mostra, o dirixente provincial socialista apuntou que Ourense ten a idade media máis alta de España e a taxa de actividade máis baixa, polo que urxiu “un proxecto que dea un cambio a esta terra” como o que representa Pedro Sánchez e como o que traerá Gonzalo Caballero, “o próximo presidente da Xunta”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.