Gonzalo Caballero chama á “corresponsabilidade” de todos os partidos: “Os intereses da cidadanía galega están garantidos mentres en España haxa un goberno socialista”

O secretario xeral reclama a Feijóo que “dea instrucións aos deputados do PP para que non sigan bloqueando ao goberno” e “non se convertan no ‘perro do hortelano’, que nin come nin deixa comer”
Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero chama á “corresponsabilidade” de todos os partidos: “Os intereses da cidadanía galega están garantidos mentres en España haxa un goberno socialista”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á “corresponsabilidade” de todas as forzas para permitir a investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno, posto que “os intereses dos galegos e das galegas están garantidos mentres en España haxa un goberno socialista”.

Despois de manter un encontro de traballo co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o líder dos socialistas galegos puxo o foco na importancia de ter un goberno en plenitude de funcións “para facer fronte aos retos que imos ter” no próximo tempo e para seguir poñendo en marcha políticas sociais, medidas a prol da igualdade e melloras nos servizos públicos.

“O que máis interesa á cidadanía é que haxa un goberno que poida desenvolver un proxecto de progreso porque foi o que gañou as eleccións”, recordou Gonzalo Caballero, ao tempo que puxo en evidencia que é “a única opción”, posto que a dereita “abrazada á ultradereita” nin sequera “ten os números para presentarse á investidura”.

De feito, sinalou que os galegos xa rexeitaron nas urnas o “proxecto de retroceso” que quere implantar o PP de Casado con Vox en España, como xa fixo en Andalucía, Madrid ou Murcia, porque “pon en risco os avances da etapa democrática en España”. “É un risco que os galegos e as galegas non queremos consentir”, evidenciou o secretario xeral do PSdeG.

Por iso, á vista de que “o 55% dos galegos e das galegas votamos en abril por forzas progresistas lideradas polo PSdeG”, Gonzalo Caballero incidiu en que “agora corresponde a todas as forzas políticas defender esa mensaxe” e cumprir o que pediu a cidadanía nas urnas.

TRABALLAR POR GALICIA

Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG reclamou a Feijóo que “dea instrucións aos deputados do PP para que non sigan bloqueando ao goberno”. “Xa votaron en contra dos orzamentos, que non se convertan agora no ‘perro do hortelano’, que nin come nin deixa comer”, advertiu.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero pediulle que “se poña a traballar” e que “deixe o cinismo e a estratexia de confrontación co goberno de Pedro Sánchez”. “Porque a Galicia vaille ben cun goberno socialista”, finalizou, consciente de que a súa política é beneficiosa para moitas familias que teñen dificultades para chegar a fin de mes.

Antes de iniciar a súa intervención, o líder socialista fixo referencia aos lumes que se teñen producido neste días e trasladou “todo o noso apoio e o noso agarimo” para quen tiveron que ser desaloxados das súas casas e para todos os afectados. Ademais, agradeceu o labor de todo o persoal implicado na loita contra incendios.

“ANOS DE LUCES”

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apelou tamén á “responsabilidade” de todos os grupos políticos para poñer en plenitude de funcións ao goberno de Pedro Sánchez, que ten “un proxecto progresista que xa se viu que é moi bo para Galicia e que vai ser moito mellor”.

“Veñen anos de luces para Galicia, anos de progreso e de desenvolvemento”, subliñou Javier Losada, despois de recordar tamén as accións do goberno socialista neste último ano: suba das pensións, aumento das bolsas, incremento do salario mínimo, compromiso coas infraestruturas…

“En menos dun ano, o goberno socialista foi quen de mobilizar preto de 5.000 millóns de euros para inversións en autovías, a construción das fragatas en Navantia Ferrol, o AVE…”, enumerou o delegado, quen puxo o acento en que a tarefa fundamental centrouse “no que afecta ás persoas”.

Por iso incidiu Javier Losada ao termo da xuntanza co secretario xeral do PSdeG na importancia de que todas as forzas políticas con representación no Congreso actúen con “responsabilidade de Estado”, porque o goberno socialista “foi, é e será moi bo para Galicia”.