Gonzalo Caballero chama a Xunta e Goberno a traballar para que Endesa “manteña o emprego” nas Pontes en base a “fontes enerxéticas alternativas” ao carbón

O secretario xeral lamenta que Feijóo rexeitase “a man tendida” do PSdeG para construír “unha gran alianza pola reindustrialización de Galicia”
Publicado por o día 30/09/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero chama a Xunta e Goberno a traballar para que Endesa “manteña o emprego” nas Pontes en base a “fontes enerxéticas alternativas” ao carbón

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe en rolda de prensa para analizar a situación da fábrica de Endesa nas Pontes, nun contexto no que a loita contra o cambio climático obriga a reducir as emisións contaminantes seguindo a normativa nacional e internacional

“Temos un compromiso coa transición ecolóxica e a redución de dióxido de carbono, pero á vez son necesarios mecanismos que permitan manter o emprego”, destacou o secretario xeral dos socialistas galegos.

Deste xeito, Gonzalo Caballero salientou a importancia de que a Xunta e o goberno de España fagan “esforzos de colaboración” para que Endesa “manteña a actividade en base a fontes enerxéticas alternativas, coa finalidade de evitar o peche e manter o emprego apelando aos principios da responsabilidade social corporativa da empresa”.

E coa vista posta en que “non hai futuro baseado no carbón” como fonte enerxética, o líder dos socialistas galegos advertiu de que non loitar contra a crise climática pode traer como consecuencia que “o noso clima acabe parecéndose máis ao de Andalucía”.

“CONTACTO” CO GOBERNO

Nesa liña, Gonzalo Caballero asegurou que está en “contacto continuo” coa ministra de Transición Ecolóxica e co propio presidente do goberno, para quen o mantemento do emprego nas Pontes é unha cuestión “preocupante”, do mesmo xeito que sucede cos alcaldes da comarca.

Ao fío diso, o máximo dirixente do PSdeG lamentou que “a man tendida” que ofreceu ao presidente da Xunta no recente Debate sobre o Estado da Autonomía en materia de industria recibira a negativa de Feijóo. “Temos que construír unha gran alianza pola reindustrialización de Galicia”, recalcou.

“PECHE DE CICLO”

E, en relación co debate de política xeral, Gonzalo Caballero afirmou que permitiu evidenciar que “o futuro de Galicia se debate entre un proxecto desganado e decrépito que chegou ao seu fin e un proxecto de progreso que pivotará unha década de cambio e de impulso socialista na economía e na sociedade galega”.

“Vimos a un Feijóo acurralado ante os problemas de Galicia e a súa incapacidade”, incidiu o tamén presidente do Grupo Parlamentario Socialista, quen considerou evidente “o peche do ciclo de Feijóo para dar paso a un proxecto de futuro, de impulso e de progreso”.

Neste punto, Gonzalo Caballero apuntou que “o que quita o sono aos galegos e ás galegas” é ver que “Feijóo está disposto a pactar coa ultradereita” para manterse á fronte da Xunta, como proban “os continuos e nerviosos ataques da garda pretoriana de Feijóo”. “Pero estamos preparados”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.