Gonzalo Caballero compromete que “un piar fundamental” do novo goberno progresista da Xunta será “a igualdade de dereitos das persoas con diversidade funcional”

Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Galicia,Política,PSOE,Vigo

Gonzalo Caballero compromete que “un piar fundamental” do novo goberno progresista da Xunta será “a igualdade de dereitos das persoas con diversidade funcional”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou hoxe “moi graves” as palabras de Feijóo anunciando que as mulleres que queiran dar a luz no paridoiro de Verín terán que asinar “un consentimento informado reforzado”. “Quere meter medo ás mulleres e seguir minando a calidade da sanidade pública”, denunciou.

Nese escenario, Gonzalo Caballero evidenciou que Feijóo “perdeu o rumbo” porque “vese superado por unha maioría social que lle replica” e porque a mobilización que se xerou a raíz do peche do paridoiro de Verín, que “superou as fronteiras informativas” da nosa comunidade, fíxoo “recuar”.

“Non lle imos consentir nin un só retroceso. Somos a barreira de contención fronte aos recortes na sanidade pública”, deixou claro o líder dos socialistas galegos, quen avanzou unha “mobilización masiva” na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar na capital galega o vindeiro 9 de febreiro.

E, ao fío do traballo que está desenvolvendo o PSdeG para “dar un xiro á política democrática en Galicia” da man dunha “nova maioría social progresista”, Gonzalo Caballero anunciou que o secretario de Organización do PSOE participará canda el no Comité Nacional, o vindeiro sábado en Santiago. Servirá, como dixo, para contribuír na estratexia levada a cabo para ser “primeira forza” nas próximas eleccións autonómicas.

VISITA A SAN FRANCISCO

Gonzalo Caballero realizou estas declaracións no marco dunha visita á Asociación Galega San Francisco, en Vigo, onde prometeu que o gasto social será “un piar fundamental” do próximo goberno progresista da Xunta e, especificamente, “a igualdade de dereitos das persoas con diversidade funcional”.

“Queremos unha Galicia que no deixe a ningún cidadán sen posibilidades de ter unha vida digna”, recalcou o dirixente socialista, antes de poñer en valor o compromiso do terceiro sector “cubrindo déficits do eido público”.

“Hai que respaldar ás familias e ás asociacións”, sinalou Gonzalo Caballero, “porque o seu traballo no ámbito dos servizos e no ámbito afectivo non pode ser substituído por grandes empresas”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega San Francisco, Eladio Fernández, agradeceu a visita ao secretario xeral do PSdeG en tanto que supón “un recoñecemento” á labor que realiza.

Ademais, na súa condición de candidato socialista á Presidencia da Xunta, pediulle que “traballe co movemento asociativo” do eido da diversidade funcional, que está levando a cabo “un servizo acorde coas necesidades dos nosos fillos”.

“Temos pendente que a Xunta saque os concertos sociais para que os nosos fillos non teñan que cambiar de centro cada catro anos. Nós non somos empresas, senón entidades sen ánimo de lucro que queremos xestionar a atención dos nosos fillos, porque ninguén mellor que as familias para darlles calidade de vida”, concluíu.

FEIJÓO EN VIGO

Finalmente, o líder do PSdeG sinalou a coincidencia de que tamén hoxe Feijóo estivera na súa cidade, e lamentou que non fora a “resolver os problemas” que ten pendentes. “Feijóo leva 11 anos dando as costas aos intereses de Vigo”, criticou.

“Debería vir con respostas para o naval, que é da súa competencia, pero a súa política industrial foi anunciar 20 barcos que non se concretaron”, exemplificou, para pedirlle atención á situación de Barreras.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero reprobou que a Xunta “discrimina a Vigo nos fondos para formación en materia de emprego”, ata o punto de que o concello de Mos recibe máis cartos “pese á diferencia evidente de poboación”.

“Tamén prometeu o centro de saúde de Bouzas e segue sendo unha asignatura pendente”, recordou, ao tempo que cargou contra o seu intento de “sacar o estadio do Celta fóra da cidade”.

Así as cousas, o candidato socialista á Presidencia da Xunta subliñou que “os vigueses xa sabemos que o que Feijóo non fixo en 11 anos non o vai facer en seis meses de anuncios electorais da Xunta”. “Vigo vai liderar o cambio político en Galicia”, rematou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.