Gonzalo Caballero compromete unha Consellería de Igualdade con amplas competencias para “respaldar ás mulleres” na saída da crise

Publicado por o día 03/06/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero compromete unha Consellería de Igualdade con amplas competencias para “respaldar ás mulleres” na saída da crise

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, presentou hoxe as liñas xerais da súa proposta en materia de Igualdade, que pasan pola creación unha consellería específica que garanta a saída da crise “respaldando ás mulleres”. Así o dixo logo dun encontro coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á que presentou como “referente as políticas de igualdade e da defensa das galegas ante situacións de crise”.

Caballero reivindicou un goberno da Xunta que xestione “políticas para saír da crise que respalden ás mulleres galegas, que garantan o seu dereito a desenvolver a súa actividade laboral e ter unha vida digna”. Reivindicou unha sociedade na que as mulleres “non teñan que ser o resorte de resistencia ante a ausencia de medidas dunha Xunta que esquece a conciliación e á poboación máis vulnerable”.

O secretario xeral do PSdeG advertiu que as políticas progresistas son “máis importantes que nunca” en momentos de crise, fronte a unha saída da crise pola dereita que “esquece ás persoas, e quen queda máis rezagado son as mulleres”. Neste senso, criticou a “falla de medidas de conciliación importantes” dende a Xunta, que presentou axudas para o coidado de menores ás que “moi poucos cidadáns poderán acollerse”.

Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo “fracasou” na xestión destas políticas, porque “non toma decisións importantes sobre escolas infantís, residencias de maiores ou centros escolares”, así como en “tantos ámbitos de conciliación nos que as mulleres teñen un peso maioritario”.

Reivindicou “garantir as políticas de igualdade” para que “non sexan as mulleres as que teñan ao final enriba de si a resposta para saír da crise”. Advertiu que a crise provocada pola covid-19 reflexa a necesidade dun “cambio imprescindible que permita recuperar o país pensando na cidadanía, que garanta os dereitos das mulleres e unhas políticas que garantan que saiamos todos adiante sen agrandar a fenda de xénero”.

Sinalou que o 12X “xogamos o futuro entre dúas grandes opcións: os recortes, o retroceso e a inacción da dereita de Feijóo fronte a un bloque progresista encabezado polo PSdeG cunha aposta clara pola política social, a defensa da sanidade pública e a reconstrución económica sen que ninguén quede atrás”. Para iso, dixo, “precisamos unha xornada electoral con tódalas garantías democráticas e sanitarias”.

“QUEREMOS CAMBIO”

O líder dos socialistas galegos sinalou hoxe que “queremos cambio e unha nova etapa de progreso e benestar, e pedímoslles ás galegas e aos galegos que nos acompañen, que fagan ese cambio connosco, participando, pensando neles e na realidade do país”.

Advertiu que “para saír da crise é necesario un goberno progresista que priorice ás persoas, que aposte polo estado do benestar e pola sanidade pública que Feijóo danou durante 11 anos de recortes e privatizacións”. E apostou por un “gran pacto de reconstrución” do que participen as forzas políticas, os axentes sociais e as administracións territoriais como son os concellos e deputacións”.

Así o dixo logo dun encontro coa presidenta da Deputación de Pontevedra, quen deu, dixo, un “exemplo de como gobernar en tempos de crise para defender os intereses da cidadanía”. Mentres Feijóo exerceu de “observador con moita presenza nos medios públicos sen tomar decisións nin medidas para a cidadanía” tiveron que ser as deputacións e os concellos os que deran resposta e atenderan ás persoas.

FONDOS PARA OS CONCELLOS

A presidenta da Deputación de Pontevedra reivindicou o papel dos entes locais á hora de poñer enriba da mesa “os recursos que de verdade chegan á xente”, cando fronte á ausencia da administración autonómica foron as deputacións e os concellos os que atenderon á cidadanía con problemas de alimentación, hixiene ou educativos.

Reclamou por iso un “fondo particular dotado de 300 millóns de euros que permita ás entidades locais seguir cubrindo as necesidades da cidadanía cando remate o estado de alarma”. Silva propuxo un plan de reconstrución económica e social no que participen os grupos parlamentarios, e tamén as deputacións, así como as entidades locais, “como xa teñen feito outros presidentes autonómicos” pero non Feijóo.

A presidenta do ente provincial subliñou ademais a necesidade dun protocolo de seguridade para desenvolver a xornada electoral, da que quedan “moitas cousas por clarificar”. Ao fío diso, apuntou que é necesario reforzar o persoal que traballará o 12X, posto que os concellos non teñen capacidade por si sós de afrontar as cuestións relativas a limpeza e desinfección, por exemplo.