Gonzalo Caballero critica a “tibieza” de Feijóo coa ultradereita e esíxelle “contundencia” para rexeitar calquera pacto con Vox

O secretario xeral destaca que as cabezas de lista do PSdeG ao Congreso son “catro mulleres comprometidas politicamente” e con destacadas traxectorias
Por o 20/03/2019 | Sección: Política,PSOE
Gonzalo Caballero critica a “tibieza” de Feijóo coa ultradereita e esíxelle “contundencia” para rexeitar calquera pacto con Vox
Compartir en:

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, saíu onte ás rúas de Compostela en compañía das catro mulleres que encabezan as listas dos socialistas galegos ao Congreso e, dende a Praza do Obradoiro, criticou a “tibieza” que está amosando o presidente da Xunta coa ultradereita.

“Xogámonos moito nestas eleccións xerais”, advertiu o líder do PSdeG, consciente das diferenzas entre o proxecto “de progreso e de avance” que encabeza Pedro Sánchez e “o retroceso social e a desigualdade” que supón “a dereita e a ultradereita, que presentan tres papeletas pero representan o mesmo modelo, o de Aznar”.

Por iso, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que “deixe a tibieza”, coa que está “abrindo a Vox as portas electorais en Galicia”, e que se posicione de xeito “claro” e “contundente” para “dicir non a unha ultradereita que representa o peor que lle pode ocorrer a unha cidadanía que quere avances e igualdade”.

“Estamos moi preocupados”, recalcou o secretario xeral, para urxir a Feijóo a “amosar o seu rexeitamento a Vox e aos pactos do PP con Vox”. “Non pode seguir xogando con Galicia en clave dos intereses electorais de Pablo Casado”, remarcou, porque está en xogo un retroceso de “décadas”.

“CATRO MULLERES COMPROMETIDAS”

Fronte ao escenario que formula a dereita, o máximo dirixente dos socialistas galegos puxo en valor a aposta por catro mulleres para liderar as candidaturas do PSOE ao Congreso nas catro provincias galegas.

“Son catro mulleres comprometidas politicamente e cunha vida profesional e persoal desenvolvida”, resaltou Gonzalo Caballero, quen asegurou que o seu traballo contribuirá “a reforzar a maioría” que o PSOE vai ter o vindeiro 28 de abril.

Trátase de Olga Alonso, mestra e directora dun colexio en Vigo, ademais de concelleira na cidade olívica, que encabeza a lista por Pontevedra; de Pilar Cancela, deputada no Congreso, funcionaria de profesión e licenciada en Dereito, que lidera a candidatura coruñesa; de Ana Prieto, farmacéutica e tenente de alcalde en Lugo; e de Marina Ortega, concelleira de Política Social no Carballiño e psicóloga de profesión, que concorre á fronte da lista ourensana.

Comentar noticia

Your email address will not be published.