Gonzalo Caballero denuncia “o suspenso” da Xunta nas cidades, que “ven a Feijóo como un problema e ao seu goberno como un inimigo”

O secretario xeral critica o “desprezo” de Feijóo cara as cidades ao non facer nin unha soa mención no Parlamento ao tema da pregunta e atribúeo a que “non ten proxecto” para o eido urbano
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero denuncia “o suspenso” da Xunta nas cidades, que “ven a Feijóo como un problema e ao seu goberno como un inimigo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe no Parlamento que as cidades galegas “suspenden de forma palmaria” ao PP en cada convocatoria electoral porque os seus habitantes “vén a Feijóo como un problema e ao seu goberno como un inimigo”.

“En 11 anos que leva á fronte da Xunta, non foi quen de conectar coa Galicia urbana”, evidenciou Gonzalo Caballero durante a sesión de control, consciente da relevancia da vertebración territorial. “A Galicia do futuro ten que impulsar o medio rural e contar coa puxanza das urbes”, recetou, non sen criticar a “ausencia de proxecto” de Feijóo para ambos os eidos.

Por esa política, como recalcou Gonzalo Caballero, é polo que o PP non goberna en ningunha das sete cidades galegas. “A súa única referencia nas cidades galegas é o alcalde de Ourense, a quen consideraba letal para a cidade”, rememorou, antes de concluír que “o realmente letal” para as cidades son as políticas de Feijóo na Xunta.

Despois de que Feijóo manifestase o seu “desprezo” polas cidades ao non facer nin unha soa mención a elas no seu discurso, o máximo dirixente do PSdeG reprochoulle a súa estratexia de confrontación co goberno socialista.

“CENTRALIDADE POLÍTICA”

“Escoite ao país”, requeriulle Gonzalo Caballero, para recordarlle que “o 54% dos galegos dixo o pasado domingo que quere un goberno progresista e non a un PP que perdeu a centralidade política”.

“Nós representamos á maioría de Galicia que non quere a Pablo Casado e aos seus socios da extrema dereita”, incidiu o presidente do Grupo Parlamentario Socialista, e afeoulle que dera o visto bo, cun discurso “cínico” aos pactos do PP con Vox.

“Vostede dixo publicamente que o pacto de PP, Ciudadanos e Vox en Andalucía o podería respaldar calquera. Vostede, si; nós, coa ultradereita, non”, remachou Gonzalo Caballero, antes de sinalar que os votos do bloque das dereitas e a ultradereita seguen, igual que en abril, no 44%. “Só succionou parte do afundimento de Ciudadanos”, espetoulle a Feijóo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.