Gonzalo Caballero destaca que máis da metade dos galegos estarán vacinados no verán e chama á Xunta a protexer aos sectores devastados pola crise da covid

O secretario xeral reprocha a Feijóo estar en debates “ao ditado do PP” sobre o estado de alarma: “a Xunta debe tomar todas as medidas para protexer a saúde e dar solucións aos problemas reais dos galegos”
Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero destaca que máis da metade dos galegos estarán vacinados no verán e chama á Xunta a protexer aos sectores devastados pola crise da covid

O secretario xeral do PSdeG, destacou hoxe que máis da metade dos galegos e das galegas estarán vacinados de aquí ao verán, segundo o plan aportado polo Ministerio de Sanidade.

Mentres se desenvolve a campaña de vacinación, como sinalou o líder do PSdeG, a Xunta “ten que protexer a saúde dos galegos e das galegas” nesta terceira vaga da covid e “salvar a economía”.

Nese senso, Gonzalo Caballero apuntou que Feijóo ten que deixar “os debates gratuitos ao ditado do PP” e “a confrontación estéril co goberno de España que orquesta Pablo Casado para os baróns do PP” e poñer en marcha medidas pensando na xente.

“Que Feijóo diga claramente que vai facer o goberno da Xunta”, dixo, en vez de abrir “debates gratuitos sobre as normas no estado de alarma e hipóteses de confinamento” ou sobre a que administración lle correspondería decretalo, senón de impulsar as medidas necesarias avaladas polo o comité clínico e acompañadas de axudas.

“Hai que dar solucións aos galegos afectados pola covid e protexer aos sectores devastados no plano económico”, remarcou Gonzalo Caballero.

“É momento de traballar, de cooperar entre todos co goberno, coa Xunta e cos concellos, e de deixar o pimpampun de Feijóo que non leva a ningures”, concluíu.