Gonzalo Caballero destaca que “se abre un novo tempo político no país” cunha cidadanía que “volve dicir non” a Feijóo

O secretario xeral sitúa a Feijóo ante “a proba de fogo da súa credibilidade”: “Ten que dicir hoxe mesmo que o PP no pode pactar coa ultradereita en ningunha comunidade ou concello”
Publicado por o día 27/05/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero destaca que “se abre un novo tempo político no país” cunha cidadanía que “volve dicir non” a Feijóo

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu ante os medios de comunicación para analizar polo miúdo os resultados das eleccións europeas e municipais que tiveron lugar onte, nas que os socialistas galegos obtiveron máis de medio millón de votos. “Ábrese un novo tempo político no país”, destacou, despois de que a cidadanía galega volvese “dicir non” ao PP de Feijóo nas urnas.

“Estamos moi satisfeitos”, subliñou Gonzalo Caballero, para facer fincapé en que o PSOE reafírmase como primeira forza tanto en España como en Galicia. No caso da nosa comunidade, os socialistas -recalcou- “representamos a opción de futuro”. “Temos unha posición afianzada sobre todo no escenario urbano, onde estamos chamados a liderar gobernos de progreso en seis das sete cidades”, destacou.

En termos xerais, o líder dos socialistas galegos detallou que o mapa dos resultados permite ver que existe “unha maioría social de progreso e de esquerdas” que está “liderada con moita claridade polo PSdeG”. E esta maioría, profundou, amosa a apertura dun “novo tempo político” en Galicia.

“Os galegos e as galegas suspenderon unha vez máis ao PP e a Feijóo”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen apuntou que o presidente da Xunta, quen tratou de facer destes comicios “unha segunda volta” das xerais, volveu recibir “un non” da cidadanía. “Dixéronlle non en abril e volvéronllo dicir”, incidiu, ao tempo que saudou o “cambio de ciclo” e comprometeuse a “traballar arreo” para reeditalo nas autonómicas.

“Seguiremos construíndo unha maioría de cambio. O PSdeG está en condicións de liderar unha Galicia de progreso e de avance social fronte ao pasado que representa Feijóo e que xa chega ao seu fin”, enfatizou o máximo dirixente do PSdeG, tras dar conta de que xa recibiu os parabéns do secretario xeral do PSOE e presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, polo “magnífico resultado” obtido en Galicia e de que el mesmo felicitou xa a distintos compañeiros polo éxito conquerido.

MODERACIÓN DO PP?

Ao fío da análise dos resultados electorais, Gonzalo Caballero retou a Feijóo, quen dixo que o PP xa se instalara “no centro e na moderación”, a amosar esa “mesura” rexeitando o pacto con Vox para gobernar Madrid.

“É a proba de fogo da súa credibilidade”, advertiu o secretario xeral do PSdeG, quen instou ao presidente da Xunta a “dicir hoxe mesmo que o PP no pode pactar coa ultradereita en ningunha comunidade ou concello”.