Gonzalo Caballero: “Evidénciase que a principal preocupación de Feijóo ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral”

O secretario xeral subliña que mentres o conselleiro de Sanidade dicía no Parlamento que a evolución da pandemia é “altamente impredicible”, Feijóo dicía na TVG cal era o mellor momento para poñer as eleccións
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “Evidénciase que a principal preocupación de Feijóo ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinala que a intención de Feijóo de convocar as eleccións galegas “en pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria” deixa ben ás claras que “a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral”.

“É altamente irresponsable”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que Feijóo “non está pensando nas persoas que están inmersas agora nun ERTE nin nos autónomos que non poden abrir os seus negocios” senón só tentando esquivar a análise da súa xestión da pandemia, que deixa os peores datos nas cuestións que son competencia da Xunta: o eido sanitario e as residencias de maiores.

“Feijóo non é de fiar”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente tamén de que Feijóo está “rachando os acordos” que selou coa oposición para aprazar as eleccións e que se plasmaron no Diario Oficial de Galicia. “Firmou que as eleccións non se poderían convocar de novo ata que se levantasen o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, e agora amosa que está disposto a saltarse calquera norma existente”.

Ademais, o máximo dirixente do PSdeG criticou que Feijóo aparecese na TVG decidindo “unilateralmente” cal é o mellor momento para celebrar as eleccións galegas pese a que o seu conselleiro de Sanidade estaba nese mesmo intre no Parlamento asegurando que a evolución da pandemia é “altamente impredicible”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.