Gonzalo Caballero: “Hoxe abrimos o tempo político para gañar as eleccións autonómicas en Galicia”

O secretario xeral sitúa o Comité Nacional celebrado hoxe como o punto de partida do traballo que levará a cumprir “a vontade de cambio” da maioría da cidadanía
Publicado por o día 16/11/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “Hoxe abrimos o tempo político para gañar as eleccións autonómicas en Galicia”

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu este sábado ante o Comité Nacional para analizar o escenario político que se abre tras unhas eleccións xerais que volven a reflectir que “en Galicia existe unha maioría social progresista” cando falta menos dun ano para que teñan lugar as autonómicas.

De feito, ante o máximo órgano do partido entre congresos, Gonzalo Caballero salientou que o PSOE obtivo en Galicia o 31,3% dos votos e que se situou nun empate técnico co PP, cunha distancia do 0,66 por cento. Ademais, destacou, o PSdeG amosa “un plus” con respecto á media estatal, onde a vitoria social foi co 28% dos sufraxios.

En paralelo, o líder dos socialistas galegos puxo sobre a mesa que o pasado domingo evidenciouse que a suma das dereitas coa ultradereita segue instalada no 44% do electorado. No lado oposto, as forzas de progreso acadan o 54% das papeletas, amosando así esa “maioría de progreso”.

A pesares dos “batacazos” que levou o PP de Feijóo en todas as citas coas urnas que tiveron lugar este ano, Gonzalo Caballero rexeitou caer na “autocompracencia” e apelou a traballar para “poñer fin á etapa de Feijóo á fronte da Xunta” e poñer en marcha “políticas públicas mellores”. “Debémosllo a Galicia”, asegurou.

Sobre todo, como dixo, porque “Feijóo campou por Galicia como se fora a súa finca” nestes últimos 11 anos, “poñendo as institucións públicas ao servizo do PP” e “desfacendo moitos dos avances” conquistados, mentres non dá resposta a “crises evidentes” como a que atravesa a sanidade pública. “Non goberna, só usa a Xunta para confrontar”, reprobou.

Por iso, á vista de que a maioría social de Galicia “quere sacar a Feijóo da Xunta”, o máximo dirixente do PSdeG chamou a toda a militancia a traballar a prol desa “vontade de cambio” unha vez que xa “conseguimos ser a alternativa ao PP”. “Hoxe mesmo abrimos o tempo político para gañar as eleccións autonómicas en Galicia”, proclamou, preparado para cando Feijóo decida convocalas.

“PAIXÓN, FORZA, IDEAS, COMPROMISO”

“Nada grande se fixo sen paixón”, proseguiu Gonzalo Caballero citando a Hegel, antes de reivindicar que os socialistas “temos toda a paixón, a forza, as ideas e o compromiso” na tarefa de acadar “un novo tempo político” en Galicia.

“Somos os mellores aliados da maioría social de progreso e somos a casa común do progresismo, na que todos cabemos”, enfatizou o secretario xeral, quen situou a mobilización de cara ás autonómicas como un dos principais retos.

“Estamos nas mellores condicións para facer este traballo”, xulgou, ao tempo que sostivo que “temos a seguridade de que somos a mellor opción para Galicia” e para levar adiante a política que necesita esta terra.

Así, Gonzalo Caballero defendeu unha política económica que vai máis alá do “recorte facendístico” que propugnou Feijóo, e avogou por unha estratexia que permita dinamizar a demografía e o medio rural e dar oportunidades á mocidade.

Todo iso, dentro dunha liña de acción que aposte pola vertebración do territorio e polo pulo dos servizos públicos como mecanismo de xustiza social e como vía tamén para desenvolver a economía do país.

Nesa liña, o candidato socialista á Presidencia da Xunta avanzou a elaboración do programa electoral, un traballo que coordinará Xoaquín Fernández Leiceaga, así como a celebración de xornadas sectoriais para fornecer os plantexamentos do PSdeG.

PEDRO SÁNCHEZ, “NA LIÑA CORRECTA”

Ademais, na súa intervención ante o Comité Nacional, Gonzalo Caballero abordou tamén a situación política a nivel nacional a falta dunha semana para que se celebre a consulta á militancia sobre o pacto de goberno.

Ao fío diso, reprochou ao PP que se comporte como “o can do hortelano”, que nin ten a capacidade de gobernar nin amosa vontade de desbloquear a situación. “Non posibilita a formación do goberno e xoga á confusión”, denunciou, antes de mostrarse partidario dun “goberno de progreso e de avance”.

“Toca gobernar para a maioría”, incidiu o líder do PSdeG, convencido de que “hai que dar todo o apoio” a Pedro Sánchez para botar a andar o goberno na liña do que votaron maioritariamente os españois o pasado domingo.

“O diálogo con forzas progresistas é a liña correcta”, defendeu, e rexeitou “leccións” dos conservadores “de defensa da Constitución e do Estado de Dereito”. “Estamos en condicións de dar un bo goberno a España”, engadiu, pensando nos dereitos, nas liberdades e no benestar da cidadanía.

A maiores, o secretario xeral do socialistas galegos puxo sobre a mesa que a única alternativa á configuración dun goberno progresista “nucleado polo PSOE” e encabezado por Pedro Sánchez é “repetir as eleccións” de novo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.