Gonzalo Caballero, na interparlamentaria do PSdeG: “O noso compromiso é cos galegos e coas galegas fronte a unha Xunta superada pola crise”

O líder socialista volve ofrecer “acordos” ao goberno galego para mellorar a sanidade pública, reactivar a economía e “rescatar” aos sectores produtivos

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a primeira xuntanza do ano da Comisión Interparlamentaria dos socialistas galegos, na que aproveitou para urxir á Xunta a que “complete con rapidez o reto esperanzador” de levar a cabo o programa de vacinación. “Desenvolvamos un plan para que as vacinas cheguen a todos na medida en que as haxa”, remarcou, consciente de que “Asturias xa usou o 100%” das doses que recibiu.

Sobre todo, como dixo o líder socialista, logo de que o goberno comezara a distribuír a vacina entre as comunidade o pasado 28 de decembro a pesares dos “prognósticos de Feijóo nos que dicía que non chegaría ata o segundo trimestre de 2021” e que eran “froito da deslealdade e da estratexia de confrontación do PP”.

Por iso, agora que “as vacinas xa están”, chamou a “non relaxarnos” ante o aumento da positividade que trouxeron consigo as festas do Nadal. Precisamente, Gonzalo Caballero reclamou non só a extensión do plan de vacinación, senón tamén o “fortalecemento” da atención primaria, a contratación “estable” do persoal sanitario e a “mellora” do sistema de rastrexo do virus.

Ademais, requiriu que as restricións vaian acompañadas de axudas económicas para a hostalería, o comercio e os autónomos. “En todo 2020, a Xunta só deu 22 millóns para estes sectores”, recordou, e contrastou esta cifra coa caída das rendas en máis de 6.000 millóns de euros en Galicia e cos 1.200 millóns que aportou o goberno de España a Galicia só para pagar ERTE, subsidios de desemprego e axudas a autónomos.

“O goberno de Galicia está superado pola crise, sen ser quen de dar unha resposta á altura do que os cidadáns necesitan”, reprobou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que fai falla “un rescate” da poboación e dos sectores económicos que peor o están pasando por mor da pandemia.

Iso si, Gonzalo Caballero deixou claro que “respectamos e asumimos” as medidas adoptadas e “non entramos na confrontación baladí”, pero volveu reclamar “información, transparencia e protocolos con criterios coñecidos”. Ao fío disto, lamentou que “as nosas ofertas de colaboración foran respondidas por parte da Xunta unha e outra vez co silencio” cando non “con desprezo” tanto cara á labor da oposición como cara ás autoridades locais.

“VENCER OS RISCOS DE DESIGUALDADE”

En paralelo, o xefe de filas do PSdeG puxo o foco na saída desta crise económica e na necesidade de “vencer os riscos de desigualdade” derivados dela. De aí que esixiu á Xunta que “aproveite do mellor xeito posible todos os fondos” que chegan do Estado e da Unión Europea.

“Estamos preocupados porque o goberno da Xunta, afeito ao rodillo, negouse a buscar acordos de país nos que basear as grandes liñas dos orzamentos galegos e porque nas súas contas non hai un proxecto de país”, afondou Gonzalo Caballero, consciente de que Galicia “non se pode permitir perder esta oportunidade histórica”.

“Tendimos e tendemos a man para colaborar”, remarcou, á vista de que a Xunta optou trala pasada crise “polos recortes e a austeridade” que “estreitaron as posibilidades dunha recuperación sólida e inclusiva” e de que agora é necesario poñer en marcha “políticas anticíclicas” para impulsar a demanda, o consumo e o investimento.

E, nun contexto no que o orzamento da Xunta reduce o peso relativo da sanidade e a educación, non aposta pola fixación do rural nin pola mocidade e mete “unha navallada” aos concellos, Gonzalo Caballero puxo en valor os orzamentos do Estado por seren “os máis sociais da historia”.

Ademais, recordou que estas contas “invisten máis por galego que por madrileño, andaluz, valenciano ou catalán” e que permitirán “unha rebaixa histórica” das peaxes da AP-9 ao tempo que posibilitarán a chegada do AVE a Galicia. Por iso xulgou “un erro” a “pinza” do PP co BNG para rexeitar os orzamentos do Estado.

“COMPROMISO CON GALICIA”

Na primeira xuntanza dos distintos representantes socialistas galegos na Eurocámara, no Congreso, no Senado e no Parlamento de Galicia, Gonzalo Caballero subliñou que “só temos un compromiso, esteamos en Santiago, Madrid ou Bruxelas: o compromiso con Galicia, cos galegos e coas galegas”.

“Temos un compromiso coa xente do noso país. Co progreso, co investimento, coa igualdade, coas políticas do benestar…”, resaltou, consciente de que a sucesión de gobernos conservadores deixou en Galicia “salarios máis baixos, pensións por debaixo da media, despoboamento do rural, os peores datos demográficos…”.

“Eu non me podo conformar con iso”, reafirmou o secretario xeral do PSdeG, quen chamou a utilizar todas as potencialidades que dá o Estatuto de Autonomía cando se cumpren 40 anos da súa aprobación. “Como dicía Ceferino Díaz: unidos no fundamental, os galegos podemos moito”, sinalou.

RECEITA FRONTE AO POPULISMO

Finalmente, nun momento no que “os extremismos e o populismo nos lembra o asalto ao Capitolio”, Gonzalo Caballero reivindicou “un europeísmo comprometido coas persoas” para que “ninguén quede atrás” na saída desta crise.

“Alén da condena firme e contundente contra os feitos ocorridos en Washington, cremos que o mellor xeito de facer fronte aos novos rostros do totalitarismo do século XXI pasa por anovar o noso compromiso coa democracia e co traballo parlamentario”, enfatizou, e chamou a traballar na mesma liña ao resto de forzas políticas.

“Nós, onde gobernamos, somos exemplo de boa xestión, de resultados e de compromiso coa cidadanía. Ese mesmo compromiso lévanos a apostar dende a oposición polo diálogo, a man tendida e o desexo de aportar ideas ao interese común”, finalizou o líder do PSdeG, coa mensaxe de traballar dende as distintas cámaras para conseguir “as mellores políticas sociais e económicas” fronte a esta crise.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM