Gonzalo Caballero: “Neste momento de crise, é máis necesario que nunca defender os dereitos dos traballadores e o estado do benestar”

O secretario xeral amosa neste 1º de Maio o seu “compromiso” coa muller traballadora e dedica “un recoñecemento especial” aos profesionais sanitarios
Publicado por o día 01/05/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “Neste momento de crise, é máis necesario que nunca defender os dereitos dos traballadores e o estado do benestar”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe, neste 1º de Maio, que “neste momento de crise económica e social, é máis necesario que nunca defender os dereitos dos traballadores, un modelo produtivo acorde aos dereitos sociais e o estado do benestar”.

A través dun vídeo que subiu ás súas redes sociais, o máximo dirixente do PSdeG sumouse así a unha celebración “distinta” do Día Internacional dos Traballadores por mor do confinamento.

Deste xeito, puxo o foco na importancia de “defender os dereitos da clase traballadora”, de fortalecer o estado do benestar para “dar protección social ao conxunto da cidadanía” e de reivindicar “un emprego de calidade, digno e estable”.

Ademais, Gonzalo Caballero fixo especial fincapé no “compromiso” dos socialistas cos dereitos das mulleres traballadoras, que “sofren unha fenda salarial que evidencia a desigualdade” que aínda existe.

En paralelo, o líder do PSdeG dedicou “un recoñecemento especial” aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, que hoxe máis que nunca “están defendendo a nosa saúde”. “Quero manifestar o noso orgullo e o noso agradecemento pola súa labor”, concluíu Gonzalo Caballero.