Gonzalo Caballero no Congreso: “Aznar prorrogou a concesión da AP-9 e Rajoy vetou debater a súa transferencia a Galicia. Cómpre avanzar na rebaixa das peaxes e o traspaso da autopista”

O secretario xeral recorda que foi Touriño “o primeiro” en reclamar para Galicia a AP-9, como xa se transferiron outras vías a Euskadi ou Cataluña, e reclama “aliviar” as peaxes
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero no Congreso: “Aznar prorrogou a concesión da AP-9 e Rajoy vetou debater a súa transferencia a Galicia. Cómpre avanzar na rebaixa das peaxes e o traspaso da autopista”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no Congreso para defender a transferencia a Galicia da AP-9, unha cuestión reclamada xa por Emilio Pérez Touriño dende a presidencia da Xunta a pesares de que outros “tenten agora colgarse medallas”.

Ao respecto, o líder dos socialistas galegos puxo en valor que un goberno progresista permite o debate sobre esta cuestión no Congreso, logo de que o PP, con Rajoy como presidente, impedira a súa tramitación. “Mentres o goberno de Aznar prorrogou a concesión da autopista ata 2048 e o goberno de Mariano Rajoy vetou de xeito continuo o debate da transferencia da AP-9 a Galicia no Congreso, é necesario avanzar na rebaixa das peaxes e no traspaso da autopista”, destacou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero subliñou que “aínda hoxe é máis caro en peaxes desprazarse de Vigo á Coruña que de Vigo a Madrid” e que se traduce “nunha peaxe de 22,30 euros por circular do sur ao norte de Galicia” que “resulta inadmisible”. “É unha carga abusiva que limita a mobilidade e a competitividade aos galegos e ás galegas”, advertiu, sen esquecerse das restricións que impón ás persoas con “maiores dificultades económicas”.

Así pois, o dirixente socialista puxo o foco en que cómpre “aliviar” este “auténtico espolio”, o dunha concesionaria que recada máis de 300.000 euros ao día ata 2048 debido ao “regalo envenenado que nos deixou Aznar aos galegos e ás galegas”. Precisamente por iso agradeceu aos grupos que apoiaron os Orzamentos Xerais do Estado, “posibilitando o que vai ser unha rebaixa histórica das peaxes neste ano” a través dos 63 millóns de euros destinados a bonificacións na AP-9.

“GALEGUISMO” DO PSdeG

Canto á transferencia, Gonzalo Caballero reivindicou o “galeguismo” do PSdeG por seren o único partido dos presentes neste debate que participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia -texto que confire instrumentos para solicitar o traspaso desta vía- e recordou que outras autopistas de titularidade estatal foron transferidas xa en nacionalidades históricas como Euskadi e Cataluña.

“Os argumentos que se poidan aducir en contra do traspaso da AP-9 véñense abaixo á vista dos precedentes”, engadiu o máximo responsable do PSdeG.

“A posición dos socialistas galegos non é romper España, senón fortalecela na súa diversidade, ni vaciar o Estado, senón construír un Estado eficiente, responsable e moderno. Cremos no estado das autonomías, na cogobernanza e no principio de subsidiariedade para unha xestión racional da AP-9”, argumentou Gonzalo Caballero.

GUILLERMO MEIJÓN

Pola súa banda, o coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, Guillermo Meijón, defendeu tamén o traspaso a Galicia da AP-9, a que é “a nosa calle Maior”. Apelou a criterio de “equidade e xustiza” nun contexto no que a concesión remataba en 2023, pero Aznar prorrogouna 25 anos máis.

Ademais, o deputado pontevedrés subliñou que o traspaso da AP-9 e a rebaixa das súas peaxes “está nos compromisos do PSOE e, sinaladamente, nos do PSdeG”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.