Gonzalo Caballero: “O PSdeG construirá unha alternativa ás nefastas políticas de Feijóo”

O secretario xeral pon en valor os avances do goberno de Pedro Sánchez e asegura que o PSdeG inicia “con forza” o curso político en Galicia
Publicado por o día 22/09/2018 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero: “O PSdeG construirá unha alternativa ás nefastas políticas de Feijóo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe, trala reunión de inicio do curso político da Comisión Interparlamentaria, que os socialistas galegos dedicaranse a “construír unha alternativa ás nefastas políticas” de Feijóo para Galicia.

“A dereita déixanos unha Galicia que vai a peor, e só está preocupada por manterse no poder sen pensar nas necesidades dos galegos e das galegas”, reprobou o líder dos socialistas galegos, consciente de que Feijóo está tentando “unha estratexia de confusión” para que “non se fale do que non fixo Rajoy” na súa etapa de goberno coa súa “complicidade”.

“Feijóo e  Rajoy non cumpriron con Galicia e, agora que non lle dan as contas electorais, busca desculpas para tentar manterse a flote”, subliñou Gonzalo Caballero, quen deixou claro que o PSdeG “dará a talla” e manterá a súa axenda “pegada ás necesidades dos galegos e das galegas”.

Así, co obxectivo de que Feijóo dea “resposta aos problemas do país”, o máximo dirixente dos socialistas galegos asegurou que o PSdeG inicia este curso político “con forza”, centrado en cuestións como “a política social, a axuda á dependencia ou o deterioro da sanidade pública que provocou Feijóo coas súas políticas de corte neoliberal e privatizadoras”.

“UN GRAN GOBERNO”

En paralelo, Gonzalo Caballero recalcou que o PSdeG comeza o curso político tamén con “ilusión” e “satisfacción” por termos en España “un goberno que era necesario” e que está protagonizando “grandes avances” no que atinxe aos dereitos sociais e, nomeadamente, daquelas persoas en situacións máis difíciles.

Tras enumerar medidas do goberno socialista en materias como a educación pública, as pensións ou a atención á dependencia, o secretario xeral do PSdeG valorou que España ten hoxe “un gran goberno, que vén para manterse e durar” no tempo, como reflicten as enquisas que sitúan ao PSOE como primeira forza no caso de haber eleccións xerais e tamén de cara aos comicios municipais do ano próximo.

“Entendemos que a dereita, nas súas dúas versións, Ciudadanos e o PP, con Aznar como pegamento, están fóra de xogo, sen saber como remontar o que non lle dan as enquisas, pero nós traballaremos de forma coordinada para dar unha alternativa a Galicia”, concluíu o líder do PSdeG.