O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este domingo en Santiago na presentación das candidaturas socialistas ao Congreso e ao Senado nas catro provincias galegas e aproveitou para sinalar que “o PSOE é o voto útil para o progreso e o avance fronte á ameaza da dereita que abrazou á ultradereita”.
Neste arranque da precampaña cara as eleccións xerais, o líder dos socialistas galegos puxo o foco en que esta é unha cita “de máxima importancia”, na medida en que está en xogo permitir que siga “o modelo de progreso, de avance e de prioridade social” que encabeza Pedro Sánchez ou optar por “o regreso ao pasado”.
De feito, Gonzalo Caballero destacou como, en oito meses, o goberno socialista permitiu que “a recuperación económica chegue a todos”, a través de medidas como a suba do SMI, das pensións e dos salarios dos empregados públicos, os plans de emprego e de retorno dos mozos, a universalización da sanidade ou os plans de apoio e protección para os autónomos e os maiores de 52 anos no desempleo.
Fronte a isto, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que a dereita “presenta tres papeletas” que se resumen en “retroceso” e “regreso ao pasado” e que implican “decisións moi negativas para a maioría”. “É unha ameaza para os dereitos da maioría”, recalcou.
Con estas cuestións en mente, Gonzalo Caballero avanzou unha campaña “con toda a forza, todo o impulso e toda a ilusión” e “chea de argumentos” para saír a convencer á cidadanía e afianzar, tamén en Galicia, “unha maioría sólida, ampla e suficiente para que Pedro Sánchez siga sendo presidente do goberno para a maioría”. “Este proxecto ten que seguir adiante”, destacou.
“O PSOE AVANZA”
En canto ás enquisas que se van coñecendo, o secretario xeral constatou que o PP “ten o retroceso electoral máis profundo da súa historia” e que en Galicia, como en toda España, “o PSOE é a única forza das existentes actualmente que vai avanzar en votos e en escanos”.
Iso si, tras advertir de que os sondeos reflicten “un incremento de Vox e de Ciudadanos mentres o PP afúndese”, Gonzalo Caballero saudou o ciclo que se abre coa “nova maioría” que representan as forzas progresistas nesta comunidade. “Permitirá poñer fin á etapa de Feijóo”, concluíu.
Finalmente, á vista de que Pablo Casado estivo esta mañá en Vigo xunto con Feijóo, o líder socialista aproveitou para preguntarlles “por que se abrazan a ultradereita”. “Por que prefiren abrazar á ultradereita e abandonar ao electorado moderado, en vez de ser leais co modelo constitucional?”, inquiriu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.