Gonzalo Caballero pide “unha mobilización masiva” para “apuntalar o proxecto do PSOE” cunha nova vitoria nas municipais

Pedro Sánchez pide o voto para “el único partido con proyecto” fronte a “las discusiones de los vecinos del tercero derecha”
Publicado por o día 16/05/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE,Vigo

Gonzalo Caballero pide “unha mobilización masiva” para “apuntalar o proxecto do PSOE” cunha nova vitoria nas municipais

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou o martes nun mitin en Vigo en compañía do presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, e do alcalde, Abel Caballero, e chamou a conseguir “unha mobilización masiva” o vindeiro día 26.

“Temos que traballar para conseguir que o triunfo das xerais sexa respaldado nas municipais e apuntalar así o proxecto do PSOE”, apelou o líder dos socialistas galegos no medio dun sonoro aplauso ao destacar que “temos un sorriso de orella a orella” porque, por primeira vez na historia, “fomos primeira forza” nas xerais.

“Dende o 28 de abril temos un sorriso de orella a orella… Un sorriso en dirección contrario ao que ten Feijóo”, chanceou o líder dos socialistas galegos, para sinalar que “a Feijóo non se lle quitou a cara de susto” coa que compareceu trala vitoria electoral do PSdeG nas eleccións xerais.

Agora, como dixo Gonzalo Caballero, está tratando de “enganar” ao falar de que “o problema foi que a dereita foi dividida” á cita coas urnas, posto que “o 55% dos galegos” que acudiron a votar apostaron por “esquerda e progresismo”, fronte a “un 44% que optou pola coalición das tres dereitas”.

Con esa base, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, temos que “dar o mellor” para manter ao partido “con forza” de cara aos vindeiros comicios europeos e municipais, nos que o PSdeG subirá o seu nivel de apoio e a súa representación en todas as cidades galegas.

“Porque os socialistas somos a mellor referencia dos gobernos municipais en Galicia”, destacou o secretario xeral do PSdeG, antes de augurar que Abel Caballero “vai obter uns resultados históricos” o vindeiro 26 aínda que pediu que “non deixemos ningún voto na casa”.

“QUEREMOS AYUNTAMIENTOS COMPROMETIDOS”

Na mesma liña de chamar á mobilización, o secretario xeral do PSOE e presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez, pediu “ayuntamientos comprometidos” coa cidadanía, porque “nos jugamos si se desmantela el bienestar o se fortalece”.

Á xente, como dixo, “no le interesa la supervivencia personal de los tres líderes de la derecha”, senón “los servicios públicos” e “los derechos y libertades”. Así se explica, incidiu, o éxito de Abel Caballero, quen, como dixo, ten en Vigo unhas enquisas que “no son normales”.

Dito isto, Pedro Sánchez chamou a “rematar la faena” a quen “votamos futuro e avance” en abril, escollendo tamén agora a papeleta do Partido Socialista. A alternativa a “el único partido que tiene proyecto”, recalcou, son “las discusiones de los vecinos del tercero derecha”.

VIGO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu a Pedro Sánchez o “compromiso” do goberno coa súa cidade, feito que contrastou co “ningún apoio” que está prestando a Xunta de Feijóo.

Así mesmo, aplaudiu o traballo feito para posibilitar as inversións no ámbito municipal en toda España tras anos de “maltrato” do goberno de Rajoy aos concellos.

A encargada de abrir o acto foi Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, quen puxo en valor a aposta pola igualdade e polos dereitos que caracteriza ao PSOE, tamén dende os concellos. “A política local cambia o mundo”, enfatizou, antes de prognosticar que “volveremos gobernar” na provincia e que o ano que vén “Gonzalo será presidente da Xunta e garantirá o futuro de Galicia”.