Gonzalo Caballero preguntaralle a Feijóo no próximo Pleno do Parlamento polas medidas da Xunta para frear a terceira onda do coronavirus

Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, centrará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento nas medidas do goberno para frear a terceira onda. Así o explicou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día para a próxima sesión plenaria.

Arangüena sinalou que “por responsabilidade non cuestionamos as restricións establecidas polo goberno galego, pero levamos meses pedindo o reforzo da Atención Primaria e do sistema de rastrexo” que é “necesario e urxente”. Sinalou que a Xunta “ten tódolos medios” grazas a un Orzamento expansivo derivado da inxección de axuda do Estado, e esixiulle que “sexa responsable, recoñeza os erros e deixe de botar balóns fora e buscar culpas alleas”.

Puntualizou que “non pode ser que no que vai de ano lle botara a culpa ao goberno de España, á cidadanía e incluso a Portugal, cando foi o máximo defensor de que non se parase a economía no Nadal e de que se permitiran celebracións familiares amplas”, e agora os hospitais galegos sofren “a máxima presión”. Os socialistas presentarán unha interpelación para que a Xunta explique os criterios que os levaron a abrir a mobilidade e as reunións naquelas festas.

Criticou que a estratexia defensiva do presidente da Xunta o levara, a semana pasada, a pedirlle á cidadanía que fora “implacable” cos incumpridores, unha afirmación que para Arangüena resulta “democraticamente impresentable”. Advertiu que se trata dunha “mensaxe propia do salvaxe oeste, moi perigosa, que implica poñer á xente a exercer de policía, a xente contra a xente” e un “ramalazo autoritario e populista dun presidente da Xunta que sempre busca culpas alleas”.

Vacinación

O responsable socialista anunciou ademais unha pregunta urxente para reclamarlle á Xunta que explique as medidas que vai tomar diante das irregularidades detectadas nos procesos de vacinación. Lembrou que mentres o presidente da Xunta falaba a semana pasada de 20 casos irregulares en Pontevedra, e de que non había alcaldes do PP implicados, os sindicatos falan de máis de 200 e os medios de comunicación revelaron o caso da alcaldesa de Boimorto.

Pablo Arangüena puntualizou que “temos que impedir que haxa sombra de sospeita sobre o proceso de vacinación, que ten que ser xusto e sometido a criterios estritos”, e apuntou que “non pode ser que haxa sospeitas sobre favoritismo cando hai cada día máis xente nos hospitais”.

O Grupo Socialista presentará tamén unha interpelación para pedirlle á Xunta máis financiamento para os concellos, que están a asumir un forte incremento de gastos derivados da pandemia por funcións propias da Xunta, como a limpeza dos centros de saúde, colexios ou asistencia social. Criticou a “deslealdade e irresponsabilidade” dun goberno que incrementa os orzamentos nun 14 por cento grazas ás axudas do Estado pero conxela as partidas dos concellos.

Tamén presentarán unha pregunta oral para reclamar o incremento de axudas ao comercio, porque “non pode ser que logo de recibir o ano pasado 224 millóns do Estado para compensar a caída da actividade económica, a Xunta só destinara 22 millóns en todo 2020 para hostalería, pequeno comercio, microempresas e autónomos.

Lembrou que os Orzamentos de 2021 son os maiores da historia con 11.500 millóns para un goberno que non fixo os “deberes” que si asumiu o Estado ao inxectar “máis de 1.100 millóns de euros directamente en Galicia durante o ano pasado para política social, ERTEs, axudas aos autónomos, ou o Ingreso Mínimo Vital. Os socialistas tamén presentarán unha proposición non de Lei para duplicar as axudas á cultura, incorporando ademais axudas directas.

Ferrolterra

O Pleno incluirá unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta un Plan industrial para Ferrolterra, incluíndo a captación de investimentos relacionados coa eólica mariña e sectores industriais viables, así como unha Mesa de traballo coas administracións estatal e locais para abordar a reindustrialización de Ferrol, Eume e Ortegal. Criticou que a Xunta leve dez anos sen exercer as súas competencias en materia industrial, que reduce a “botarlle a culpa ao goberno”.

Finalmente, o Grupo Socialista presentará unha pregunta oral para pedirlle á Xunta que recupere o diálogo social coa Unidade de Policía Adscrita, logo de que presidente da Xunta criticara no último Pleno a organización das forzas e corpos de seguridade do Estado “permitíndose sementar a dúbida sobre a súa eficacia”. Sinalou que “cuestionando as competencias sobre as forzas de seguridade o único que fai é introducir confusión na cidadanía nun momento tan difícil”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.