Gonzalo Caballero promete que un goberno progresista na Xunta “fortalecerá a área de saúde mental” do Sergas, “debilitada” por Feijóo nestes 11 anos

O candidato socialista compromete un plan estratéxico de saúde mental que “fortaleza a atención á cidadanía, redimensione os recursos e amplíe os servizos”.
Publicado por o día 19/06/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero promete que un goberno progresista na Xunta “fortalecerá a área de saúde mental” do Sergas, “debilitada” por Feijóo nestes 11 anos

O candidato socialista compromete un plan estratéxico de saúde mental que “fortaleza a atención á cidadanía, redimensione os recursos e amplíe os servizos”. Gonzalo Caballero, garantiu hoxe que un goberno galego progresista “fortalecerá a área de saúde mental” do Sergas, tan “debilitada” ao longo dos 11 anos de Feijóo.

Así o dixo Gonzalo Caballero logo de recibir o documento específico sobre saúde mental elaborado polo comité de expertos sanitarios que asesora ao PSdeG, formado por medio centenar de profesionais de distintos eidos, e puxo de relevo que “a crise da covid-19 incorpora máis riscos de saúde mental”.

Por iso, o candidato socialista comprometeuse a dotar de “máis persoal” os servizos de psiquiatría, psicoloxía e enfermeiría de saúde mental, áreas nas que actualmente Galicia “está á cola” do Estado en ratio por habitante sen que Feijóo tomara ningunha decisión para paliar esta situación.

Ademais, fixo fincapé en que “sendo relevante fortalecer todo o entramado de saúde mental”, tamén cómpre sinalar que “só existe unha unidade de hospitalización infanto-xuvenil en Galicia, que resulta de utilidade para o norte”. “Hai anos que o propio Sergas recoñeceu a necesidade doutra unidade para o sur de Galicia”, subliñou.

Neste escenario, o líder dos socialistas galegos defendeu que “temos que redimensionar a atención á saúde mental infanto-xuvenil a partires dos hospitais de día, que aínda hoxe non existen en todas as áreas de Galicia”.

PLAN ESTRATÉXICO

En paralelo, Gonzalo Caballero recordou, a instancias dos expertos de saúde mental, que dende 2006, co goberno progresista na Xunta, non volveu haber en Galicia un plan que “ordenara e deseñara” as liñas estratéxicas de saúde mental.

“Feijóo prometeu varias veces a súa presentación, nomeadamente antes das eleccións de 2016 e hai poucos meses de novo”, sinalou, ao tempo que criticou que “nunca houbo máis que anuncios e papeis sen orzamentos”.

“É imprescindible afrontar a saúde mental cun plan galego que fortaleza a atención á cidadanía, que redimensione os recursos e que amplíe os servizos”, engadiu o candidato socialista, e deixou claro que será o novo goberno galego o que aprobe o segundo plan estratéxico de saúde mental de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.