Gonzalo Caballero propón á Xunta “reconsiderar” uns orzamentos que non prevían a terceira onda da covid: toca “fortalecer” a sanidade con 100 millóns de euros e “salvar” a economía

O secretario xeral pide “adaptar” as contas, feitas cando Feijóo “criticaba o toque de queda e o estado de alarma e só pensaba en salvar o Nadal e ter unha boa Semana Santa”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo á Xunta, na semana na que se aprobarán os seus orzamentos para 2021, que “reconsidere” unhas contas públicas que non prevían esta terceira onda da covid “que nos acende todas as luces de alarma” polo número de contaxios e pola elevada presión asistencial á que están tendo que facer fronte os hospitais.

“O PP ten que deixar o rodillo e ser permeable”, defendeu Gonzalo Caballero, consciente de que cómpre “cambiar os orzamentos” para “fortalecer a sanidade pública, dar máis fondos aos sectores afectados por esta crise e trazar as liñas da reactivación de Galicia”.

Sobre todo, como dixo, porque os orzamentos da Xunta foron elaborados nuns momentos nos que Feijóo “criticaba o toque de queda, o estado de alarma e os peches perimetrais” e “só pensaba en salvar o Nadal e ter unha boa Semana Santa”. “Hai que adaptarse ás novas circunstancias”, subliñou o líder do PSdeG, e “os orzamentos actuais non valen”.

Nese contexto, puxo sobre a mesa as emendas presentadas polo PSdeG, que inclúen 100 millóns de euros adicionais para dotar á sanidade pública de máis persoal e en condicións “estables”, para desenvolver “axilmente” o programa de vacinación, para “mellorar” o sistema de rastrexo, para superar os defectos da telemedicina e para poder atender citas e operacións programadas.

“Neste 2021 temos que ser quen de resistir esta terceira onda cunha sanidade pública máis forte e con posibilidades económicas que dean futuro aos sectores máis afectados pola crise”, reivindicou Gonzalo Caballero, quen requiriu tamén un fondo covid extra para os concellos de Galicia, que están atendendo as necesidades sociais da cidadanía afectada e asumindo gastos adicionais en eidos como a limpeza dos espazos públicos.

No que atinxe ás novas axudas prometidas pola Xunta para a hostalería e o turismo, o dirixente socialista valorou que o anuncio chegara “dúas horas despois” de que o PSdeG mantivera unha xuntanza co Clúster de Turismo de Galicia para reclamar 62 millóns de euros adicionais. “Estaremos vixiantes para que se cumpra”, engadiu.

AVE A GALICIA

Xunto a Gonzalo Caballero, no transcurso do Comité Federal do PSOE, compareceu tamén ante os medios Xoaquín Fernández Leiceaga, quen é presidente do PSdeG e coordinador da Interparlamentaria dos socialistas galegos.

Pola súa banda, o senador galego criticou “o cinismo do PP” por estar urxindo ao goberno de Pedro Sánchez a chegada do AVE a Galicia logo de que os retrasos nas obras entre 2012 e 2016, nos anos de goberno de Mariano Rajoy, estean motivando reclamacións xudiciais por máis de 440 millóns de euros.

“Neses anos houbo unha execución extremadamente baixa e deixaron o caos no ADIF”, incidiu, consciente da “xestión nefasta” que houbo co PP no goberno.

Ademais, Leiceaga contrastou “ese caos, eses retrasos” nas obras para achegar a alta velocidade ferroviaria a Galicia durante a etapa de Rajoy e Ana Pastor co “impulso decidido” a esta infraestrutura dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, o que permitirá que o AVE conclúa no segundo semestre deste ano 2021.

En paralelo, destacou as melloras na liña Monforte-Lugo, a adaptación da liña Monforte-León para a súa entrada no corredor atlántico, os avances na saída sur de Vigo ou a modernización do equipamento ferroviario, que non se facía dende 2011.

Neste contexto, o presidente do PSdeG reclamou á Xunta “ todas as ferramentas” para utilizar “con axilidade” os fondos europeos, tamén no eido das infraestruturas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM