Gonzalo Caballero propón no Parlamento un fondo extraordinario para os concellos galegos con 100 millóns de euros distribuídos “con criterios obxectivos” para facer fronte á covid

O secretario xeral critica “a estratexia de confrontación do PP co goberno que marca Casado e segue Feijóo” para “non explicar os erros da súa xestión en Galicia”
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero propón no Parlamento un fondo extraordinario para os concellos galegos con 100 millóns de euros distribuídos “con criterios obxectivos” para facer fronte á covid

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou este luns que cómpre que o presidente da Xunta acuda ao Parlamento a explicar as restricións que vai tomar para frear a propagación da covid e as medidas que, nos eidos económico e social, vai poñer en marcha para “protexer aos galegos e ás galegas” fronte a esta terceira onda.

“Arranca o período de sesións e xa non hai escusas: é necesario que Feijóo compareza”, defendeu o líder do PSdeG, consciente de que “non se pode dilatar máis” esa intervención no Parlamento á vista do aumento dos contaxios, da presión asistencial nos hospitais galegos e das dificultades para os negocios e para a cidadanía en xeral. “Todos estamos moi preocupados”, recalcou.

Ademais, Gonzalo Caballero subliñou que esa comparecencia de Feijóo ten que vir acompañada “dun novo plan económico para defender Galicia fronte aos efectos da terceira onda da covid”. E é que, como dixo, as previsións económicas “mudaron” porque “a Xunta non prevía” a intensidade dos rebrotes tralo Nadal, e urxe “rectificar as eivas da planificación económica para 2021”.

“Se deixamos pasar o tempo, imos chegar tarde e mal, tanto para defender a saúde como para defender a economía”, advertiu o dirixente socialista, quen comprometeu que “niso imos traballar todos” e que o PSdeG “mantén a súa man tendida” ao presidente da Xunta para “falar e buscar acordos” ante “o semestre tan complexo” que vén por diante.

“ERROS DE XESTIÓN”

En paralelo, ante “o debate gratuíto” aberto polo PP en torno ao estado de alarma, Gonzalo Caballero criticou “a estratexia de confrontación e de pimpampum contra o goberno de España que marcou Pablo Casado e que está a seguir Feijóo”.

“É momento de responsabilidade, e pedímoslle a Feijóo que deixe esa estratexia de escapismo para non ter que explicar os erros da súa xestión e a ausencia de medidas para apoiar á hostalería, aos comercios e aos autónomos”, subliñou o responsable do PSdeG.

“COOPERACIÓN COS CONCELLOS”

Ademais, Gonzalo Caballero criticou que a Xunta tamén estea “confrontando e vilipendiando” aos concellos de Galicia, aos que reduciu os fondos a pesares de que o goberno galego recibiu máis cartos que nunca do goberno de España.

“A Xunta recibe 1.100 millóns de euros extraordinarios pero recórtalle aos concellos”, reprobou esta “navallada ao municipalismo”, e chamou á “cooperación” e a “tomar medidas a carón das administracións locais”.

Precisamente por iso, o voceiro do PSdeG no Parlamento reclamou á Xunta un fondo extraordinario, dotado cun mínimo de 100 millóns de euros, a repartir entre os concellos de Galicia “con criterios obxectivos” para que poidan financiarse á hora da loita contra a covid.

Sobre todo, como dixo, porque os concellos están a asumir as limpezas dos centros escolares, o aumento de horas das policías locais, o incremento do servizo de atención no fogar (SAF) e moitas outras tarefas.

Ao respecto do SAF, Gonzalo Caballero subliñou que “a Xunta anuncia máis horas pero son os concellos os que pagan” e lembrou que o goberno galego só aporta “nove euros” por cada hora a pesares de que o seu custe é “o dobre”.