Gonzalo Caballero propón “rescatar para o público” o Hospital Álvaro Cunqueiro: “O modelo privado de Feijóo implicou custes excesivos e acabou en mans dun fondo francés”

O secretario xeral anuncia que o PSdeG levará ao próximo pleno do Parlamento que o hospital vigués “estea en mans dos vigueses e as viguesas”
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Galicia,Política,PSOE,Vigo

Gonzalo Caballero propón “rescatar para o público” o Hospital Álvaro Cunqueiro: “O modelo privado de Feijóo implicou custes excesivos e acabou en mans dun fondo francés”

O líder socialista esixe á Xunta “transparencia e seriedade” e chama a manter “todas as alertas acendidas” para que non haxa “retrocesos” na loita contra os contaxios de covid 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para esixir a súa incorporación plena ao sistema sanitario público, logo de que o principal socio da concesionaria vendera a súa parte a un fondo de inversión francés.

En compañía do voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado; da deputada viguesa Isaura Abelairas e do responsable do PSdeG en Vigo, Abel Losada, Gonzalo Caballero anunciou unha iniciativa neste sentido que se debaterá no pleno do Parlamento da semana que vén.

Porque, como dixo o líder dos socialistas galegos, a incorporación do HAC ao Sergas “pódese facer, reduciría os custes do hospital para as arcas públicas” e isto “será garantía de que o hospital está en mans dos vigueses e das viguesas, e non en mans dun fondo de investimento francés”.

De feito, Gonzalo Caballero incidiu en que a citada venta da concesionaria do hospital vigués “evidencia a gran farsa de Feijóo” e urxiu “un cambio”. “Feijóo enganou en tantos temas á cidade de Vigo… en cuestións como as caixas, as infraestruturas, a ETEA, a área metropolitana, e tamén no ámbito da sanidade pública”, criticou.

Ao fío disto, o máximo responsable socialista en Galicia preguntou como se pode afirmar que o Álvaro Cunqueiro é un hospital “plena e integramente público” cando “parte dese hospital (máis dun 40%) está en mans dunha sociedade de investimento francés”.

Ademais, o líder do PSdeG recordou que a Xunta “paga ao redor de 73 millóns de euros a unha sociedade privada para poder dar o servizo sanitario” dende o hospital Álvaro Cunqueiro, unha fórmula “pouco eficiente” e que “resultou extremadamente custosa e gravosa para as contas públicas”.

Neste senso, Gonzalo Caballero sinalou que “este pago é máis custoso que reverter as condicións no mercado actual”, polo que instou a “aproveitar” que “o ano que vén hai uns orzamentos expansivos”, “máis fondos en sanidade” e “que as condicións financeiras do mercado permiten conseguir fondos de xeito máis accesible”. 

“MÁIS DE 150 MILLÓNS AO ANO PARA PAGAR A EMPRESAS PRIVADAS”

O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, criticou que o sistema público “estea pagando 73 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro e 75 millóns de euros nas cotas de Povisa”, o que supón “150 millóns de euros ao ano para pagar a empresas privadas o traballo que debe ser público”.

“Os socialistas cremos que a sanidade debe ser unha competencia plenamente pública e esa é a nosa proposta”, destacou. Así, Torrado incidiu en que “a operación é grande, pero é posible” e recalcou que “só necesitamos que o PP decida se quere que a sanidade sexa plenamente pública”.

Por último, lembrou que a proposta presentada polo goberno progresista de Emilio Pérez Touriño para o Hospital Álvaro Cunqueiro implicaba un custe duns “400 millóns de euros” de investimento e “1.200 camas”, pero “chegou o comandante e mandou parar”: A entrada de Feijóo no goberno supuxo “duplicar o gasto” do hospital e poñer menos camas a funcionar de forma efectiva.

“Temos en Vigo unha anomalía no sistema. Hoxe, un cidadán de Vigo ten, probablemente, a súa atención non plenamente no sistema público, senón que a ten nun centro coma este, que ten cotitularidade privada, ou nun centro privado que está axudado polo sistema público, como Povisa”, aseverou o socialista.

RESTRICIÓNS

En paralelo, en relación ás novas restricións por mor da pandemia, Gonzalo Caballero pediu ao goberno galego “que tome todas as decisións en base aos criterios do comité clínico” e “que sexa transparente á hora de explicar á cidadanía e ás administracións locais cales son as decisións que se toman en cada concello e en base a que criterios e protocolos se toman”.

O líder dos socialistas galegos lembrou que en concellos como Santiago se adoptaron medidas que, posteriormente, houbo que modificar por “risco de rebrotes” que “poñen en ameaza todo aquilo conseguido” ata o de agora.

Así, instou á “responsabilidade ante unha crise difícil de xestionar” e pediu ao goberno galego “mellorar en materia de transparencia, onde a Xunta amosou debilidades e déficits evidentes”.

Por último, fixo un “chamamento á prudencia” ante a “apertura de certas medidas que poden supor riscos de rebrotes e contaxios”. Así, instou a amosar “todas as cautelas necesarias” de cara ás festas de Nadal, “nas que todo o mundo quere atoparse coa familia, pero nas que a prudencia e a loita contra o virus teñen que ser a regra”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.