Gonzalo Caballero propón un gran acordo pola reconstrución de Galicia con 2.500 millóns de euros de fondos públicos

O secretario xeral sinala “o erro” de Feijóo ao “priorizar os intereses do PP” rexeitando o estado de alarma: “Galicia merece unha desculpa”
Publicado por o día 07/05/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero propón un gran acordo pola reconstrución de Galicia con 2.500 millóns de euros de fondos públicos

secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu a Feijóo que mobilice 2.500 millóns de euros para protexer á cidadanía dos efectos da pandemia na nosa comunidade, toda vez que a Xunta non está tomando “suficientes” medidas nin dispoñendo os fondos propios e europeos non executados.

“Propuxemos facer contratos estables para todo o persoal sanitario dispoñible, intervir as residencias con contaxios masivos, dar axudas directas aos autónomos como fan outras comunidades, apoiar ao sector cultural, tomar medidas para favorecer á hostalería, dar máscaras gratuítas á poboación nos primeiros días do desconfinamento,…”, recordou o líder do PSdeG na súa intervención na Cámara.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero destacou que o goberno de España puxo en marcha medidas de protección inéditas para toda a cidadanía, que cifrou en máis de 250 millóns de euros ao mes só en Galicia para afrontar os ERTEs e outras nóminas extraordinarias. “En vez de poñer trabas ao goberno, debería recoñecer que hoxe o Estado é máis importante que nunca”, apostilou.

Así é que o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé en que “a receita para construír o futuro” pasa por fortalecer os servizos públicos e deseñar unha nova política económica. De feito, sinalou que só hai dous modelos: o de “recortes e privatizacións” que segue o PP e “o compromiso do público” para “saír todos xuntos” desta situación.

“UN GRAN ACORDO”

E no contexto de interinidade no que se atopa Feijóo tralo aprazamento electoral, demandou “un gran acordo de país”. “Sente ás forzas políticas, aos axentes económicos e sociais, aos alcaldes das sete cidades, aos presidentes das deputacións e ao presidente da Fegamp para selar un acordo político, social e territorial”, reclamou Gonzalo Caballero.

Dito isto, reprobou que o presidente da Xunta só comparecera dúas veces no Parlamento dende o inicio da pandemia, por sete do presidente do goberno e por 26 roldas de prensa retransmitidas en directo pola TVG.

“Tenta non dar información sobre as cuestións da súa competencia, como as residencias, onde temos os maiores problemas”, subliñou, ao tempo que apuntou que, “agora que estamos dobregando a curva”, as dificultades persisten nos eidos sanitario e das residencias, ambos de responsabilidade autonómica.

Ao respecto, o voceiro socialista falou dos contaxios masivos en residencias para desmentir a falsa “anticipación” que tenta atribuírse Feijóo, porque “se se anticiparan, a súa responsabilidade sería maior”. De feito, comparou a situación das residencias coa das prisións, onde a afectación polo virus foi máis contida.

“Chegamos a esta crise cun debilitamento dos servizos públicos que dificulta o combate da pandemia”, afirmou o dirixente socialista, quen chamou a reverter os recortes na sanidade pública e o modelo de privatización das residencias para persoas maiores e para persoas con discapacidade.

FEIJÓO “ERRA” AO OPOÑERSE AO ESTADO DE ALARMA

En paralelo, o líder do PSdeG reprochou a Feijóo que se opuxera a manter o estado de alarma e instouno a pedir “desculpas” por iso. “Puxo a estratexia do PP por riba dos intereses dos galegos”, evidenciou, consciente de que ese “mecanismo constitucional” foi o que conseguiu que o virus circulara pouco por Galicia.

“Cometeu un erro moi grave e aínda non rectificou”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente de que botar abaixo o estado de alarma podería “poñer en risco o conseguido ata agora” en base ao esforzo da cidadanía. “O estado de alarma é o mellor mecanismo para facer a desescalada”, defendeu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.