Gonzalo Caballero propón “un gran pacto galego para rescatar a hostelería e o turismo”: “A Xunta ten competencias e fondos para facer moito máis”

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia subliña que “as axudas da Xunta son insuficientes” e advirte de que “perigan 30.000 empregos directos”: “das boas palabras non comemos”.
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Política,PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza cunha delegación do Clúster de Turismo de Galicia encabezada polo seu presidente, Cesáreo G. Pardal, na que ambos coincidiron en que este sector “non pode pagar toda a factura desta crise”.

Por iso, Gonzalo Caballero propuxo ao resto de grupos parlamentarios, PP e BNG, “un gran pacto para rescatar ao sector turístico do noso país” ante o que se prevé “un semestre negro” a causa das restricións decretadas pola Xunta para frear a expansión do virus.

Así é que, nun contexto no que cómpre “protexer a saúde de todos” fronte aos riscos da pandemia e no que a Xunta toma medidas que supoñen “un peche encuberto” de milleiros de negocios, o líder do PSdeG defendeu que “hai que darlles todo o apoio para que poidan sobrevivir”.

“Temos que facer un gran acordo galego en defensa da hostalería e o turismo dotado cos fondos necesarios e con medidas que sexan un salvavidas para o sector”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente de que as medidas tomadas pola Xunta ata o de agora son insuficientes.

“Os grandes anuncios da Xunta agochan unha media de 1.000 euros para cada negocio dende a chegada da pandemia”, apuntou o dirixente socialista, dividindo os millóns de euros pagados pola Xunta entre os 21.000 negocios de hostalería rexistrados en Galicia. “Mil euros en 10 meses”, sintetizou, e advertiu de que esta contía “ridícula” supón ademais “unha falla de respecto” ao sector.

“A Xunta pode facer moito máis”, incidiu Gonzalo Caballero, quen urxiu á Xunta a “deixar de racanear” logo de recibir máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios procedentes do goberno de España.

De feito, recordou que as emendas socialistas aos orzamentos da Xunta recollen 60 millóns de euros a maiores para un plan de apoio á hostelería, o comercio e o turismo. “Pódese facer, hai fondos para facelo”, recalcou o máximo responsable do PSdeG.

“AXUDAS INSUFICIENTES”

Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia subliñou que “as axudas da Xunta son insuficientes” e advertiu de que no seu sector “perigan 30.000 empregos directos”, sen contar os efectos sobre negocios como “panaderías, carnicerías, taxis ou xestorías”, entre outros.

Así é que reclamou que as administracións pasen “da boa vontade” e que “as boas palabras se convirtan en fondos”. “Porque das boas palabras non comemos”, apostilou, consciente de que “veñen por diante seis meses moi difíciles”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.