Gonzalo Caballero reafirma “o compromiso galeguista” do PSdeG para “traballar por un futuro mellor”

O secretario xeral chama a construír “un novo proxecto socialista galego e galeguista forte, enraizado no país e autónomo na defensa dos galegos e das galegas”
Publicado por o día 25/07/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reafirma “o compromiso galeguista” do PSdeG para “traballar por un futuro mellor”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Rianxo para participar na tradicional ofrenda a Castelao no Día Nacional de Galicia e, dende alí, reafirmou “o compromiso galeguista” do partido que lidera para “traballar por un futuro mellor”.

“Socialismo e galeguismo son a cara e a cruz da mesma moeda, dos nosos compromisos e dos nosos valores, das ideas coas que queremos vivir no noso país”, proclamou o máximo dirixente do PSdeG, quen comezou a súa intervención cunha mensaxe de “afecto” ás familias e vítimas do accidente ferroviario de Angrois e tamén aos afectados polo coronavirus.

Ao fío do “compromiso galeguista” do PSdeG, Gonzalo Caballero recordou como o partido sempre foi “parte fundamental na construción de Galicia”. Citou ao alcalde fusilado de Ferrol, o socialista e galeguista Xaime Quintanilla, para amosar como desde o primeiro estatuto de autonomía, no ano 36, ata o actual, aprobado no 81, o PSdeG foi sempre un “bastión” en defensa do autogoberno e do Estatuto fronte a unha dereita que “non quería un estatuto de primeira” e a un nacionalismo que “non quería remar” a prol dese recoñecemento posible que Galicia acadou no 81.

Agora, afondou o líder socialista, “temos o compromiso e a tarefa de seguir construíndo unha Galicia mellor”. “Galicia é a nosa causa e o noso obxectivo”, subliñou, aludindo á “tradición galeguista” do PSdeG na que tiveron cabida referentes coma Ramón Piñeiro, defensor dun “galeguismo inclusivo e cultural”, Carlos Casares, Benxamín Casal e Ceferino Díaz, nunha tradición de facer país na que o secretario xeral citou tamén a referentes culturais coma Celso Emilio Ferreiro, quen profundou no sentimento de pobo, e políticos como os expresidentes Laxe e Touriño.

“Imos cumprir con Galicia, cunha Galicia que aspira a mellorar e que non quere seguir á cola”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen exemplificou no recente acordo do Consello Europeo que “non acertaremos se buscamos a saída da crise con políticas nacionalistas que non prioricen o progreso e o benestar ou con políticas conservadoras que non apostan polos servizos públicos”.

Por iso, o secretario xeral do PSdeG chamou a construír “un novo proxecto socialista galego e galeguista forte, enraizado no país e autónomo na defensa dos galegos e das galegas”. “O PSdeG vai estar á altura das circunstancias”, remarcou, porque “Galicia é a nosa causa”.

“Galicia somos todos e todas, e a Galicia debémoslle o noso traballo e esforzo”, incidiu Gonzalo Caballero, ao tempo que indicou que o proxecto galeguista do PSdeG ten “as portas abertas” para todos aqueles que “non se resignan a que Galicia esmoreza”. “O noso reto é seguir avanzando e construír unha Galicia mellor”, asegurou.

“SEGUIR TRABALLANDO”

Ao fío diso, o máximo dirixente do PSdeG garantiu que traballará “con responsabilidade” na tarefa da reconstrución de Galicia trala pandemia. “Temos que saír remando entre todos,  aproveitando os fondos que virán para non quedar rezagados”, engadiu, e asegurou que “os galegos contarán co PSdeG na aposta polo benestar, os servizos públicos, a innovación e a vangarda”.

“Galicia non pode seguir sendo cada vez máis cativa, representando cada vez menos en termos de emprego, de industria, de poboación… senón que quere ser protagonista”, recalcou, pensando tanto no presente coma nas xeracións futuras.

Por iso, chamou a aparcar “debates infinitos” tras unhas eleccións que tiveron un nivel “histórico” de abstención, e pasar á “praxe política”. “Traballamos ao servizo de Galicia en momentos moito máis difíciles”, subliñou, para chamar a “mellorar entre todos” para representar á maioría social progresista que existe en Galicia e na que máis de 300.000 galegos e galegas non votaron este 12X.

“Escoitamos, aprendemos, extraemos leccións e traballamos para que os que non están satisfeitos nos vexan con responsabilidade”, afirmou Gonzalo Caballero, e apelou a “aprender das derrotas para chegar ás vitorias cunha mensaxe en positivo”.

“BENEFICIAR A GALICIA”

Pola súa banda, a encargada de abrir o acto, Mari Carmen Filgueira, voceira socialista en Rianxo, fixo fincapé na importancia de defender á sociedade e de traballar para ofrecer unha saída da crise “sen deixar a ninguén atrás”.

Ademais, amosou o seu apoio a Gonzalo Caballero tamén na tarefa parlamentaria que ten por diante para impulsar medidas que “beneficien a Galicia”. “Rianxo está contigo”, concluíu, mentres o líder socialista chamou a dedicar este Día Nacional de Galicia aos “heroes da sanidade pública que loitaron contra a covid”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.