Gonzalo Caballero reafirma o compromiso medioambiental e ecolóxico do PSdeG na súa visita ao Rainbow Warrior, o buque insignia de Greenpeace

O secretario xeral critica que Feijóo despreza a Greenpeace, porque nin el ningún conselleiro da Xunta se achegaron ata o barco, que está en Vilagarcía nunha campaña de concienciación contra o cambio climático
Publicado por o día 28/07/2019 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reafirma o compromiso medioambiental e ecolóxico do PSdeG na súa visita ao Rainbow Warrior, o buque insignia de Greenpeace

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este domingo o buque Rainbow Warrior de Greenpeace na súa parada no porto de Vilagarcía en compañía do alcalde, Alberto Varela, e dos deputados Patricia Vilán e Julio Torrado. Dende alí, ratificou o compromiso socialista coa defensa do medio e coa loita contra o cambio climático.

En declaracións aos medios ao termo da visita, o líder dos socialistas galegos puxo en valor o feito de que o buque insignia de Greenpeace se achegase ata as costas galegas para levar adiante a súa campaña de concienciación e criticou que nin Feijóo nin ningún outro membro do goberno galego se teña achegado. Amosa, como dixo, o seu “nulo compromiso” coa transición ecolóxica e o seu desprezo a Greenpeace.

“Temos que entender que hai que facer unha grande alianza de compromiso para paliar os efectos do cambio climático”, reivindicou Gonzalo Caballero, ao tempo que comprometeu traballo do seu partido a prol dunha estratexia de defensa do medio. Ao fío disto, sinalou que “o goberno de Pedro Sánchez ten un compromiso moi importante” para seguir avanzando nesta liña.

“Temos que construír modelos inclusivos”, reflexionou o máximo dirixente do PSdeG, para mostrarse consciente de que “temos que traballar o máximo posible para non seguir deteriorando o medio natural” desenvolvendo os modelos económicos e de produción enerxética que así o permiten. “Porque o reto medio ambiental implícanos a todos”, engadiu.

De feito, Gonzalo Caballero apostou por “un novo mix enerxético coas renovables como protagonistas fundamentais” e dende “o compromiso cos traballadores, para buscar novas actividades que permitan levar a cabo a transición ecolóxica con sensibilidade social”. É o mesmo que ocorre co sector pesqueiro, que no caso galego desenvolve a súa actividade “de acordo coas normativas existentes”.

“UNHA CUESTIÓN DE FUTURO”

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, situou a loita contra o cambio climático como “unha cuestión de futuro” e, por iso, chamou a “tomar medidas xa” tamén dende o eido da concienciación.

“Todos, como individuos, podemos colaborar en facer un mundo máis sostible, e as administracións públicas temos que ir da man da sociedade e dos grupos ecoloxistas para reverter esta situación”, concluíu o rexedor.

Comentar noticia

Your email address will not be published.