Gonzalo Caballero reclama a Feijóo que reúna aos partidos para avaliar o rebrote na Mariña

Publicado por o día 06/07/2020 na sección de Galicia,Política,PSOE,Salud

Gonzalo Caballero reclama a Feijóo que reúna aos partidos para avaliar o rebrote na Mariña

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que reúna aos partidos para informar e avaliar o rebrote de covid na Mariña lucense, unha bisbarra na que hai máis de cen contaxiados e máis de mil persoas illadas por contacto directo.

“A saúde é prioritaria por riba de calquera circunstancia”, advertiu Gonzalo Caballero, quen criticou que Feijóo non tomara a iniciativa de chamar a todas as forzas políticas.

De feito, Gonzalo Caballero sinalou que tivo que ser el quen chamara a Feijóo para interesarse polo tema, despois de terlle enviado unha carta -á que non tivo resposta- e de que tampouco os alcaldes e as alcaldesas socialistas na Mariña recibiran información da Xunta.

“Esixímoslle que estea á altura das circunstancias”, recalcou Gonzalo Caballero, quen recordou que a Xunta ten agora “plenas competencias” para responder fronte á pandemia. “Ten que informar e tomar medidas”, incidiu.

“Hai que garantir a saúde”, subliñou, e garantiu que o PSdeG actuará “con total responsabilidade” ante unha situación na que hai 70.000 persoas confinadas.

E, fronte a un Feijóo que “non tomou medidas ata hoxe” no marco da súa estratexia de campaña, Gonzalo Caballero garantiu que “estamos preparados para afrontar a crise da covid dende o primeiro día, porque temos os mellores profesionais para dar un relevo en condicións”.

Sobre todo, recordou, porque onte mesmo Feijóo dicía que “todo estaba controlado”, pero hoxe evidenciouse que “fóiselle das mans” ao ter que decretar o peche da Mariña. A maiores, mostrou as súas dúbidas sobre a decisión de limitar a cinco os días de confinamento, cando o tempo de incubación do virus é de 14.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero trouxo a colación a “irresponsabilidade” de Feijóo ao requirir o levantamento do estado de alarma dende primeiros de maio; e o feito de que decidira “unilateralmente” volver convocar as eleccións aínda que “lle pedimos testar a desescalada” antes. “Nós actuaremos con responsabilidade”, remachou.

“11 ANOS SON DABONDO”

Con relación a isto, Gonzalo Caballero puxo o foco na importancia das medidas tomadas polo goberno de España para que a crise sanitaria non se converters nunha fonda crise económica e social.

Neste contexto, avogou por dar tamén a Galicia “un goberno de progreso que tome medidas para non deixar a ninguén atrás” . “Porque desta crise, ou saímos todos, ou non saímos ben”, resumiu, consciente de que “os 11 anos do PP xa son dabondo”. Por iso, pediu mobilizarnos porque “se o cambio era importante o 5 de abril, hoxe é imprescindible”.

EN GALICIA “HACE FALTA CAMBIO”

Pola súa banda, o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, destacou as medidas tomadas polo goberno de España para facer fronte á pandemia e para estar a carón da cidadanía.

Do mesmo xeito, resaltou o compromiso do goberno do que forma parte con Galicia, e recordou así a protección aos autónomos durante a pandemia e o pago dos ERTE a 270.000 traballadores galegos.

Tras saudar en galego aos asistentes ao mitin no Carballiño, destacou “la formación, los valores, la fuerza” de Gonzalo Caballero, que ademais ten detrás un partido como o PSOE, con 140 anos de historia.

Así é que chamou aos 1.181 concelleiros socialistas en Galicia a ser “el motor del cambio” de cara ao 12X. “Porque hace falta cambio”, remarcou, consciente de que “nos jugamos un futuro en el que los servicios públicos, la ética pública y la lealtad entre administraciones sean el día a día”.

Por iso, pediu o voto para o PSdeG, para ter en Galicia “un gobierno capaz de cooperar con el gobierno de España” e que dea “futuro a esta tierra”. “Nadie puede quedarse en casa el próximo domingo”, engadiu, porque “hay formas distintas de hacer política”. “Faino por Galicia, é a hora do cambio”, concluíu Marlaska en galego a súa intervención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.