Gonzalo Caballero reclama á Xunta dispoñer todos os recursos fronte á pandemia para axudar aos autónomos e aos sectores económicos máis afectados

O secretario xeral reprocha “a ausencia de Feijóo na Cámara”, que evidencia “ausencia do goberno galego” en plena pandemia pese á “interinidade” derivada do aprazamento electoral
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reclama á Xunta dispoñer todos os recursos fronte á pandemia para axudar aos autónomos e aos sectores económicos máis afectados

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou onte á Xunta que “utilice todas as posibilidades que dá o autogoberno” para loitar contra a pandemia e facer fronte ás necesidades que teñen traballadores, autónomos e pequenas e medianas empresas como consecuencia da paralización da actividade económica.

“Fai falta compromiso do público”, demandou Gonzalo Caballero durante a comparecencia plenaria do conselleiro de Facenda, e confrontou o modelo do PP coa aposta do PSdeG por ampliar a protección e o estado do benestar. “Rectifiquen a súa falla dd política económica e acompañen as medidas que puxo en marcha o goberno de España”, urxiu.

Así, o líder dos socialistas galegos requiriu axudas directas para autónomos como están facendo outras comunidades e plans de acompañamento a sectores moi afectados por esta crise, como a hostalería ou a cultura. Ademais, engadiu que hai que incrementar as medidas dispostas xa a través do Igape, que son “insuficientes”, e deseñar “un modelo de política económica” centrado no apoio ao tecido produtivo e na reconstrución.

Porque, proseguiu Gonzalo Caballero, antes da chegada do virus a Galicia había 70.000 ocupados menos que cando chegou Feijóo á presidencia pero “parece que a Xunta non se decatou”. “Só hai visión de curto prazo”, lamentou, ao tempo que sinalou que o conselleiro de Facenda se limita a actuar como “un director dunha oficina bancaria” ao anunciar o anticipo das nóminas dos afectados por un ERTE.

E, ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG lamentou que “o director do banco”, en referencia a Feijóo, “nin aparece”. “A súa ausencia na Cámara reflicte a ausencia do goberno nesta crise”, recalcou, crítico coa “estratexia de Feijóo de non dar contas ao Parlamento” e de cinguirse aos “discursos televisados de autobombo” nun contexto extraordinario a causa da covid e da “interinidade” derivada do aprazamento electoral.

“UN PARAUGAS” QUE PROTEXA A TODOS

É por iso que chamou a pechar “un gran acordo” para deseñar a folla de ruta para a reconstrución do país tralo paso do coronavirus que reúna ás forzas parlamentarias, aos axentes sociais (sindicatos e patronal), ás sete cidades galegas, ás catro deputacións provinciais e á Fegamp.

“Estamos nunha crise moi complexa e necesítase o apoio de todos”, recalcou o voceiro parlamentario do Grupo Socialista, partidario de construír “un paraugas” que protexa a toda a cidadanía.