O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe a Feijóo que “rectifique” e incorpore aos Orzamentos da Xunta a emenda do Grupo Socialista para incrementar en 62 millóns de axudas para hostalería, comercio e autónomos. Caballero cualificou ao Executivo de “goberno zombi que se esquece dos cidadáns” e reclamou un plan de rescate para os sectores máis afectados” pola crise.
O líder dos socialistas galegos aludiu así ao voto do PP contra unha emenda socialista aos Orzamentos da Xunta que están nestes momentos en trámite parlamentario, e incidiu en que o PP debe cambiar o sentido do seu voto de cara ao debate final sobre as contas, previsto para a última semana deste mes.
Gonzalo Caballero sinalou que “é a hora de abandonar a política do botafumeiro e da propaganda continua de Feijóo”, que “cando as cousas van ben colócase as medallas, e cando van mal non quere asumir as súas responsabilidades e prefire repartir responsabilidades entre o goberno de España e culpar á cidadanía”.
Apuntou que “non é o momento de culpar aos cidadáns, senón de cumprir as normas e apoiar á cidadanía e aos sectores económicos para que poidan resistir á terceira onda da pandemia”. Reclamou un plan de rescate aos sectores máis afectados pola crise que acompañe ao “peche encuberto da hostalería” decretado polo goberno galego e que provoca un descenso notable dos ingresos.
Caballero sinalou que en todo 2020, e fronte a unha caída de 6.000 millóns de euros das rendas de Galicia, o balance da Xunta “foi darlle 22 millóns de euros á hostalería, ao comercio e aos autónomos”.
Criticou esta “cantidade exigua, pequena, reducida, cativa que non está á altura do que Galicia necesita”, sinaladamente “cando decretan novas medidas” que endurecen aínda máis a situación da hostalería. O goberno central, como recordou, enviou á Xunta 224 millóns de euros para reactivación económica en 2020 e en 2021 remitirá máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios.
Advertiu que “seguimos vendo que o goberno da Xunta non está entendendo que ten que despregar o paraugas de protección e impulso económico para non pechar milleiros de comercios, bares e restaurantes ao longo de Galicia”.
Esixiulle ao presidente da Xunta que aproveite os “centos de millóns de euros que lle remite o goberno de España para salvar a economía e poñelo nas mans dos autónomos, dos hostaleiros, do pequeno comercio e o tecido produtivo de Galicia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.