Gonzalo Caballero reclama á Xunta “traballar seriamente” para facer un auténtico plan de reactivación cultural que “dea cabida ás demandas do sector”

O secretario xeral sinala que as medidas proposta pola Xunta son “absolutamente ineficientes” e “non permiten avanzar á cultura galega”
Publicado por o día 12/05/2020 na sección de Política,PSOE

Gonzalo Caballero reclama á Xunta “traballar seriamente” para facer un auténtico plan de reactivación cultural que “dea cabida ás demandas do sector”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta que “traballe seriamente para facer un auténtico plan de reactivación” dos ámbitos cultural e turístico, ao obxecto de “dar cabida ás demandas do sector”.

Así o dixo, na véspera da comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo no Parlamento, o líder dos socialistas galegos, consciente de que son moitas as queixas dos distintos eidos da cultura pola “falla de compromiso” da Xunta.

“O plan presentado por Feijóo é absolutamente insuficiente e ineficiente”, reprobou Gonzalo Caballero, quen lamentou que “non se concreta en medidas que permitan avanzar ao conxunto dos sectores da cultura galega” e paliar as dificultades que están atravesando como consecuencia da paralización derivada da crise da covid-19.

“Estannos trasladando malestar coa mala xestión da Xunta”, engadiu o dirixente socialista, quen sinalou que o conselleiro leva máis dun mes “facendo que fai” sen que iso derivase na aprobación de medidas positivas para o sector cultural.

Precisamente, Gonzalo Caballero indicou que así llo trasladou nunha xuntanza de traballo a Coordinadora galega de festivais de cinema, a plataforma que aglutina festivais de referencia como o de Cans, o Play-Doc ou o Curtocircuíto.

Así mesmo, a Asociación Profesional de Artistas de Galicia ten feito pública xa a súa disconformidade co devandito plan da Xunta, ao tempo que o sector das orquestras galegas e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural manifestaron tamén as súas críticas.

PLAN DE ACCIÓN

Neste escenario, o máximo representante do PSdeG recordou que xa reclamou á Xunta “un auténtico plan de acción e de apoio á cultura e ás industrias culturais galegas”, consciente de que este sector representa o 3% do PIB da comunidade e de que milleiros de familias galegas dependen del.

Así, Gonzalo Caballero requirira “axudas directas, liquidez e incentivos” para a cultura e unha planificación por parte da Xunta das actividades que se poderán desenvolver ao longo do verán coas debidas medidas de seguridade.